En Galiza, a máxima multa estipulada por botar residuos ao mar ascende até tres millóns de euros.
Contaminación mariña. Este foi o delito do que foi acusada unha empresa española de transporte marítimo, Consultores de Navegación, e polo que se verá obrigada a pagar dous millóns e medio de dólares. Finalmente, o enxeñeiro xefe da embarcación declarouse culpábel de botar ao océano sustancias contaminantes ante o tribunal de Boston (Massachusetts). Aceptou, así, o pago de dous millóns e medio de dólares, aceptando as acusacións de conspiración, falsificación de documentos, declaracións falsas e obstrución á xustiza.
Historia dos feitos
A investigación comezara en marzo do ano pasado, cando inspectores da Garda Costeira dos EUA realizaron un exame do M/T Nautilus, logo de que o barco chegase a St. Crois (Illas Virxes dos EUA) e despois ao porto de Boston. A embarcación é un petroleiro de 26,7 toneladas brutas, propiedade da empresa chipriota Iceport Shipping Company, e operada por Consultores de Navegación. Os inspectores comprobaron que os membros da tripulación do buque manipularan e desbotaran a auga de sentina contaminada con petróleo do buque e, ademais, falsificaran as entradas no rexistro oficial de petróleo do barco para ocultalo.
As leis internacionais e estadounidenses prohiben a descarga de refugallos que conteñen máis de 15 partes por millón de petróleo e sen tratamento por un separador de auga oleosa, un dispositivo obrigatoria na prevención de contaminación. Ademais, a lexislación exixe tamén que todas as descargas pola borda queden rexistradas nun libro, que tamén é obrigatorio e está sometido á inspección periódica da Garda Costeira. Con todo, o enxeñeiro xefe agora autoinculpado, ordenou aos membros da tripulación que omitisen estes controis ambientais obrigatorios e que bombeasen auga contaminada con petróleo directamente dende a sentina do barco até o océano e despois falsificou os rexistros do barco.
Lexislación española
No caso de Galiza, os verquidos ocasionados polo lavado de sentinas e escapes menores son habituais. Iso é, polo menos, o que denuncian diferentes colectivos ecoloxistas. Adega alertaba xa hai varios anos do frecuente que é a contaminación do noso litoral por petróleo procedente deste tipo de prácticas e exixía un control maior dos barcos que pasan fronte ás nosas costas para previr este tipo de situacións. Na mesma liña se manifestaron en diferentes ocasións Verdegaia ou a Federación Ecoloxista Galega.
Na actualidade, a lexislación que regula este tipo de procedementos é estatal e non distingue as augas interiores das exteriores. Así, atribúeselle ao Estado esta responsabilidade, tal e como reza a Lei 27/92 Portos do Estado e Mariña Mercante, modificada na 62/1997: "as infraccións relativas á contaminación do medio mariño producida dende buques ou plataformas fixas ou outras instalacións que se atopen en augas situadas en zonas nas que o Estado Español exerza soberanía, dereitos soberanos ou xurisdición".
No caso das sancións, a contaminación do medio mariño é considerada unha infracción moi grave e prevé unha multa de até tres millóns de euros. Ademais, segundo esta lexislación poderíase acordar a retención do buque e mesmo impedir a súa entrada ou as operacións de carga e descarga como sanción complementaria.