Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Di que hai alternativa ás autoestradas

O goberno español oponse ao reintegro de peaxes en caso de atrancos

O senador galego Xosé Manuel Pérez Bouza denuncia que Fomento "toma partido polas empresas" e acusa o ministerio de descoñecer a realidade viaria de Galiza.

Redacción - 12:45 07/04/2009

En Galiza non son novidade os atoamentos nas autoestradas, ben pola simple lentitude nas oficinas de pagamento de peaxes en determinadas datas, por obras na vía ou, como aconteceu durante un dos últimos temporais, pola imprevisión dos equipos de mantemento. En ningún dos casos se lle devolve o importe pagado aos condutores malia que, como teñen lembrado desde as plataformas galegas anti-peaxe, as concesionarias doutras zonas do Estado si o fan dese xeito, por exemplo levantando directamente as barreiras, para garantir a fluidez do tráfico en casos de atasco masivo.

O asunto chegou recentemente á mesa do Ministerio de Fomento, a través dun requirimento do senador ourensán Xosé Manuel Pérez Bouza (BNG). O nacionalista pedíalle ao goberno español que aprobase unha norma do tipo da introducida en Portugal recentemente, segundo a cal os usuarios poden solicitar a devolución de parte da peaxe correspondente ao tramo en obras cando estas frean de xeito evidente o tránsito.

Madrid di que "sempre hai alternativa ás autoestradas"
A idea achegada polo senador galego foi rexeitada por Fomento, argumentando que "no contrato subscrito entre a Administración Xeral do Estado e as concesionarias non se contemplan reducións de peaxe pola realización de obras na autoestrada, necesarias para manter o nivel de servizo na mesma".

Engade a resposta do ministerio que no Estado Español "sempre existe un itinerario alternativo ás autoestradas de peaxe". "En consecuencia, o usuario, ante as obras nunha autopista, sempre ten a alternativa de elixir o outro itinerario para realizar o mesmo percorrido, xa que a sociedade concesionaria das obras debe anunciar a existencia das obras antes do tramo afectado", sostén o executivo estatal.

"Descoñecemento" da rede viaria galega
"A resposta está totalmente afastada da realidade e demostra que Fomento toma claramente partido polas concesionarias e non polos usuarios", retruca o senador galego fronte á resposta do goberno español. "O BNG non está de acordo porque en Galiza non hai alternativas á AP-9 e as obras son necesarias, pero tamén unha obriga das concesionarias", subliña.

Xosé Manuel Pérez Bouza censura que Fomento esqueza a realidade que en Galiza a alternativa á AP9 "é practicamente inexistente" xa que a paralela N-550 é "unha estrada conxestionada de tránsito e que na súa maior parte discorre por tramos urbanos, o que ralentiza aínda máis a circulación". Opina Pérez Bouza que "se cando un tren ou un voo chega tarde os usuarios teñen dereito a devolucións", nas estradas de peaxe tamén deberan ter dereito a devolución cando a concesionaria lles presta un servizo claramente inferior ao que pagaron".


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: