Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
As presas de Edrada e Vil

Fenosa non achegou plans de emerxencia para os dous encoros máis perigosos

En resposta a unha pregunta do BNG no Senado, o goberno español admite a situación malia que paradoxalmente quítalle importancia.

Redacción - 09:00 07/04/2009

Os encoros de Edrada-Mao, construído en 1978 e cunha altura de 37 metros entre Parada do Sil e Montederramo, e o de Vil, están cualificados na categoría A de perigosidade, segundo a escala estabelecida polo goberno español. Un grao no que se entende que están no primeiro posto de risco potencial de rotura. "Son encoros cuxa rotura ou funcionamento incorrecto pode afectar gravemente a núcleos urbanos ou a servizos esenciais, ou producir danos materiais ou ambientais importantes", fixa a administración.

Paradoxalmente ambos os dous encoros, xestionados por Fenosa, carecen de plan de emerxencia. "En todo caso, é o titular da presa o responsábel de formular o plan e as normas de explotación e de implantación do plan de emerxencia", expón o goberno español. En resposta a unha pregunta realizada polo senador Xosé Manuel Pérez Bouza (BNG), o executivo estatal engade que o feito de que dous encoros non presentaran o plan de emerxencia "non xustifica o uso de medidas excepcionais e de sanción para completar a tramitación requirida".

Pérez Bouza denunciou este luns a situación, cualificando de "ilóxico" o argumento. Critica o senador nacionalista que se deixe en mans das empresas "todo o procedemento, tanto de clasificación como de vixilancia". Neste sentido, demanda a Confederación Hidrográfica do Miño Sil que, "por responsabilidade, tome a iniciativa e obrigue a Fenosa a presentar e implantar plans de emerxencia nas súas presas en Galiza".


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: