Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
ESTE DOMINGO EN FISTERRA

Modesto Fraga devólvelle ao mar as súas palabras

Nun catamarán, canda a outros poetas, achega a reedición de 'Mar de Ausencias', unha homenaxe aos mariñeiros da Costa da Morte.

Redacción - 11:00 05/04/2009

Non é habitual que se reedite un libro de poesía. Iso vén de suceder con Mar de Ausencias (Follas Novas Edicións), de Modesto Fraga, publicado orixinalmente en 1999 e que agora volve ás librarías, con dez poemas máis cá versión orixinal e unha edición moi coidada. O volume consta de corenta poemas (dez máis que na edición de 1999) acompañados de ilustracións e cartografía orixinal da autoría de Javier Campaña Martínez. A obra presenta unha singular novidade ao incluír determinados paratextos (como son a cartografía e as coordenadas xeográficas do ámbito costeiro fisterrán), co obxectivo de relacionar o poema como abstracción subxectiva do imaxinario humano coa imaxe espacial e científica que ofrecen as coordenadas cartográficas.

"Hai tempo que tiña a idea de facer esta reedición, a que se fixo hai dez anos foi moi apresurada; así que lle plantexei á editorial volver sacar o libro", di Modesto Fraga. Ao igual que noutras obras, Fraga xunta o intimismo e a poesía máis combativa; aínda que nesta ocasión o intimismo se afasta das temáticas amorosas, e a emotividade recala no mar e nos mariñeiros. "Tampouco iso é novo -di- o mar está presente en todos os meus poemas". Integrado no 'Batallón Literario da Costa da Morte', Modesto Fraga publicou ademais Do amor salgado, De mar e vento, Mar de ausencias, Ese estraño silencio e Derrotas con raíces, recollendo premios como o 'Avelina Valladares', o 'Ramón Cabanillas', o 'Rosalía de Castro' e o 'Francisco Fernández del Riego'. Di sentirse perto da poesía de Rafa Villar, Xavier Seoane, Antía Otero, Olalla Cociña, Manuel Álvarez Torneiro ou o propio Ferrín.

As palabras do mar, de novo no mar
Os poemas están inspirados na realidade emocional e vital dos homes e mulleres do mar da fin do mundo. Ao longo dos tempos a esgrevia costa fisterrá foi testemuño de innumerables naufraxios, por exemplo os dos pesqueiros 'Bonito', afundido en 1960 en augas de Fisterra (nas inmediacións do Cabo da Nave) e no que perderon a vida os seus once tripulantes; 'Begoña', que lle custou a vida a seis lobos de mar da localidade en xaneiro de 1976 e "Isleña", entre moitos outros.

A presentación do libro buscará servir de homenaxe a estas persoas. O acto terá lugar a bordo do barco turístico 'María Elena', que dende as cinco da tarde do domingo percorrerá dende o peirao de Fisterra o itinerario literario-xeográfico polo que transcorren os poemas 'As Lobeiras', 'Langosteira', 'Mar de Fóra', 'O Centolo' ou 'Arnela'. Leranse algúns dos textos do poemario e, posteriormente, celebrarase un acto de lembranza aos mariñeiros afogados na costa fisterrá. Ademais de Modesto Fraga, asistirán e lerán textos outros poetas da Costa da Morte; ademais, está previsto que participen no acto familiares das vítimas dos pesqueiros.


3/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: