Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Piscifactoría en Xove

A Xunta aproba a segunda ampliación da planta de Pescanova na Praia de Lago

Fora un dos investimentos que a propia empresa paralizara durante o seu enfrontamento co Goberno.

Redacción - 14:30 02/04/2009

Na altura de xaneiro de 2007 a empresa Pescanova comunicáballe á Comisión do Mercado de Valores (CNMV) que suspendía todos os investimentos previstos en Galiza. Argumentaba a empresa que o motivo era a inexistencia dun Plan Sectorial de Acuicultura. No fondo, estaba a batalla aberta entre Pescanova e Xunta debido á decisión da administración de frear o proxecto acuícola en Touriñán.

Daquela, un dos proxectos paralizados era a ampliación da granxa mariña que, a través da empresa Insuiña SL, o grupo multinacional xestionaba na Praia de Lago, no Concello de Xove. Malia os xestos mediáticos de forza, desde o Goberno admitían que a empresa mantiña a negociación para a procura de espazos alternativos ao proxecto de Touriñán, logo confirmados. Posteriormente, o propio proxecto de Lago foi incluído no Plan Galego de Acuicultura, aprobado en agosto de 2008, onde Pescanova proxecta investir máis de 30 millóns de euros nunha superficie de 186.998 metros cadrados para unha produción anual estimada de 3.200 toneladas e afirma que creará arredor de 90 empregos directos e indirectos.

Agora, o Consello da Xunta aproba o proxecto sectorial para a ampliación, logo de solicitar a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo un informe que recolle as valoracións, entre outros, do Concello de Xove, Portos do Estado, Capitanía Marítima de Burela, a Dirección Xeral de Urbanismo ou o Ministerio de Medio Ambiente.

Touriñán ameazado outra vez
Non pasara aínda unha semana da cita coas urnas o 1 de marzo cando o próximo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, afirmaba compartir as declaracións que na véspera fixera o líder do PP coruñés, Carlos Negreira, ao respecto da súa convicción de que o novo Goberno aceptaría a construción dunha piscifactoría no espazo natural protexido de Touriñán.

Unha intención que é rexeitada polos ecoloxistas. "Rexeitamos con rotundidade a posibilidade de retomar o proxecto de piscifactoría en Touriñán, polo seu gravísimo e incuestionábel impacto ecolóxico", subliñan desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega).


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: