Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Vicente P.Muñuzuri, director de Meteogalicia

"A idea do que significa a mudanza climática non está calando na sociedade"

O estudo Evidencia e Impactos do Cambio Climático en Galicia, analiza en profundidade estas mudanzas, e sinala que o solo e o mar han reducir a súa fertilidade.

A. Rodríguez - 09:00 03/04/2009
Unha fotografía titulada 'Mudanza Climática' / Flickr: ignacio_conejo

Unha fotografía titulada 'Mudanza Climática' / Flickr: ignacio_conejo

A Consellaría de Medio Ambiente presentou os datos do estudo Evidencia e Impactos do Cambio Climático en Galicia, un traballo no que colaboraron un cento de científicos de todo o país.

Pódese dicir que é un primeiro paso, completo, de moitos que se deberan dar na identificación, investigación e prevención dos efectos que terá a mudanza climática no noso hábitat. Non é un traballo illado desta consellaría, senón que fai parte dunha estratexia ampla de todo o Goberno, e está feito en colaboración con outras entidades estatais e internacionais. Mais este plan vai máis alá, sendo moi específico, e incidindo, sobre todo, en áreas sensíbeis da economía galega.

O director de MeteoGalicia, Vicente Pérez Muñuzuri, coordinador principal da investigación, falou con Vieiros para facernos un resume dos cambios que habemos notar de aquí a cincuenta anos, que han afectar, en grande medida, a saúde das persoas e do medio. Tamén lembrou o labor que fan, dende hai xa unha década, dende MeteoGalicia, un servizo moi útil para os cidadáns, e ao que acoden con regularidade dende labregos e sendeiristas, até camioneiros ou noivos que preparan a súa voda.

Evidencias e Impactos da mudanza climática no noso país
En canto aos Impactos, Pérez Muñuzuri sinalou que, de aquí a medio século ha descender a produción nos ecosistemas terrestres e mariños, e referiuse a un probábel descenso das precipitacións nos meses de verán. No relacionado coas Evidencias, o director de MeteoGalicia falou do incremento das temperaturas no aire e no mar, aumento do nivel do mar, cambios estacionais nas precipitacións, adianto da floración nalgunhas especies, incremento das taxas de renovación das rías, e o que se pode describir como a única, aínda que ben pequena boa cousa, a posibilidade de producir mellores viños brancos.

Unha chea de cambios que, en 50 anos, han reducir a fertilidade dos solos, o mar e as rías no noso país. Alén disto, o aumento das temperaturas ha crear importantísimos problemas de saúde pública, incrementando mesmo o número de mortes, sobre todo entre as persoas de maior idade.

"Abril augas mil podería quedar en abril, augas cincocentas"
O futuro é escuro, hai que dicilo así, segundo sinala Vicente Pérez Muñuzuri, porque os problemas son moitos. Porén, a sociedade parece estar ben pouco preocupada. Segundo o director de MeteoGalicia, isto podería ser debido a que, "ás veces" hai "demasiada información" nos medios de comunicación sobre a mudanza climática, e poucas veces estas son atinadas.

Segundo Pérez Muñuzuri, a sobreinformación parece levar á xente a "non tomar demasiado en serio" os resultados das investigacións do cambio climático. "Noutros casos habíamos estar máis asustados do que parece que estamos; se cadra a sobreinformación está facendo que a xente deixe de crer nos efectos da mudanza climática, e pense que é cuestión dos políticos, cando é un problema real", sinalou Pérez Muñuruzi, ao tempo que revelaba unha súa preocupación, "oxalá esteamos equivocados, pero é que hai que pensar que un aumento, por exemplo, de 0,5 graos sobre os valores máximos da temperatura media é moitísimo, e conleva un risco importante para a saúde das persoas e as especies animais e vexetais". "A idea principal do que significa a mudanza climática non está calando na sociedade, porque para parala hai que ir máis alá de apagar a televisión ou as lámpadas, porque hai outras áreas máis sensíbeis nas que traballar, como por exemplo, a promoción do transporte público; pero facelo ten un custe", concluíu Pérez Muñuzuri.


Ligazóns

4/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: