Aymerich subliña que o Bloque opta por aliarse con ERC e Aralar por ser a única táctica que lle garante presenza parlamentaria.
Un representante do BNG vai ocupar o segundo posto na lista da coalición Europa dos Pobos (na que tamén están ERC e Aralar). O voceiro parlamentario do Bloque, Carlos Aymerich, asegurou que no acordo contémplase a rotación da representatividade se a alianza só consigue un eurodeputado.
En declaracións a Europa Press, Aymerich sinalou que o BNG se decanta por esta opción debido a que é “o escenario con máis garantías” para asegurar presenza no Parlamento Europeo: “Dito claramente, entre ir de catro nunha lista co PNV e CiU ou ir de segundos con ERC ou coa Chunta, co acordo de compartir a estancia no Parlamento, a opción é esta”.
Aymerich subliñou que a nova coalición electoral non responde a unha “viraxe ideolóxica” e subliñou que o Bloque segue a verlle utilidade á alianza Galeuscat. De feito, o voceiro nacionalista recoñeceu que o BNG non vai concorrer con PNV e CiU debido ás reticencias de Uniò e a que o BNG ía quedar relegado a un cuarto posto na candidatura.
Algúns dos nomes que se barallan: Xavier Vence e Ana Miranda
Quen será o nacionalista galego que ocupe o número dous na lista de Europa dos Pobos? A incógnita está por resolver. Porén, dentro do Bloque xa se comezan a barallar algúns nomes, entre outros están o de Xavier Vence e o de Ana Miranda.