Os nacionalistas estarán presentes no órgano da Cámara, tras chegar a un acordo cos socialistas, que se ha estender a outros órganos.
Ricardo Varela sinalou que non vai haber ningunha contraprestación por parte do BNG na política estatal
PSdeG e BNG pecharon esta terza feira un "acordo político" que lle vai permitir aos nacionalistas contar cun seu membro na Mesa do Parlamento esta lexislatura, xa que os socialistas acordaron cederlles o posto de vicesecretario.
Ao terminar a xuntanza que mantiveron ámbalas dúas forzas políticas, tanto Ricardo Varela -que estará na mesa como vicepresidente segundo-; coma Carlos Aymerich -que será o voceiro do Grupo do BNG-, subliñaron que este pacto hase estender aínda a outros órganos, que se constitúen en función da representación parlamentaria, como por exemplo o Consello de Contas, ou o Consello da CRTVG, entre outros.
Así mesmo, ámbolos dous parlamentarios rexeitaron que o acordo leve aparellada algunha contrapartida noutras negociacións, e negaron que estea vinculado ao apoio dos dous deputados nacionalistas no Congreso español ao goberno de José Luis Rodríguez Zapatero.
A composición da Mesa do Parlamento nas vésperas do 1 de abril
Deste xeito, a VIII Lexislatura, que arranca esta cuarta feira, día 1 de abril, coa constitución da Cámara, o PPdeG contará con tres postos na Mesa -Pilar Rojo, como presidenta; Xosé Manuel Baltar, como vicepresidente primeiro; e Xosé Manuel Balseiro, como secretario-, por un cargo exercido polo PSdeG -o de vicepresidente segundo, que corresponderá a Ricardo Varela-; e outro polo BNG, cuxo representante aínda non se coñece, que será escollido esta cuarta feira, nunha xuntanza de mañá.
Anteriores: