Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
XAVIER SIMÓN, UNIVERSIDADE DE VIGO

"Os parques eólicos espoliaron o rural galego e deixaron contados beneficios"

Un estudo demostra que os propietarios dos montes galegos só reciben unha media do 1,2% da facturación que xera esta enerxía.

Redacción - 14:15 31/03/2009

Que a facturación das empresas que explotan os parques eólicos galegos supera en moito o pagado aos propietarios dos montes era un segredo a voces. Porén, agora un estudo científico cifra esas plusvalías, que deparan uns beneficios moi rentábeis para as compañías eólicas. Os investigadores do Grupo de Economía Ecolóxica e Agroecolóxica de Universidade de Vigo están a traballar nun informe sobre o impacto socioeconómico da enerxía eólica en Galiza, que revela a desigual redistribución da renda.

Os datos son contundentes: en 2006, os 130 parques eólicos que hai en funcionamento facturaron un total de 650 millóns de euros. Sen embargo, tan só o 1,2% desta cantidade tivo como destino o propio mundo rural. Así o asegura Xavier Simón, profesor responsábel da investigación: "a maneira en que se desenvolveu a enerxía eólica en Galiza foi socialmente inxusta e contribuíu á deterioración de algúns espazos de alto valor ecolóxico". Tal foi así, que Simón asegura que todo o proceso se converteu "nunha espoliación dun mundo rural que xa estaba en decadencia".

Propietarios enganados
Na actualidade non existen fontes documentais sobre como se ocuparon os espazos nos que se situaron as torres eólicas, polo que o único xeito de coñecer esta información é achegarse aos parques eólicos un por un. Iso foi o que fixo este grupo de investigación: realizaron 70 visitas por toda Galiza para coñecer as condicións económicas e sociais estabelecidas entre os produtores de enerxía eólica e os propietarios da terra. "Temos que agradecer a colaboración das Comunidades de Montes", di Simón, "atopamos con xente moi disposta a axudarnos e que nos aseguran que é a primeira vez que alguén se interesa en coñecer como foi o proceso".

Destas visitas, o estudo conclúe que "no 95% dos casos as empresas enganaron aos donos dos terreos: sorpréndense cando lles dicimos que os propietarios daquel parque facturaron por exemplo dez millóns de euros mentres a eles lles están a pagar 150 mil". Segundo nos explica Xavier Simón, na meirande parte dos casos, as empresas do sector empregaron a ameaza da expropiación para ocupar o territorio: "a xente atopouse desamparada, a cada zona acudía unha soa empresa, polo que non había competencia nin capacidade de negociación algunha".

O proceso viuse agravado por outros factores, tales como a especulación dos megavatios: "algúns empresarios fixéronse titulares simplemente para volver a vender sen ter investido nada, algo que a Xunta debera ter limitado, mais non o fixo". Así, Simón considera que "tanto os sindicatos, coma os partidos políticos, coma as organizacións profesionais, e mesmo as organizacións ecoloxistas, non estiveron a altura das circunstancias para frear o impacto negativo que tiña este tipo de acordos en termos de renda".

Novo decreto eólico
Sobre o futuro do sector logo da posta en marcha do plan eólico o profesor maniféstase con prudencia: "non tivemos acceso á documentación, mais os indicios que temos logo de falar cos propietarios dos montes apuntan a prezos pactados moi por enriba dos actuais". Dunha banda, "estabeleceuse un método de concorrencia competitiva entre os distintos promotores, algo que até o de agora non existía: no concurso recibían máis puntos aqueles empresarios que xa tiveran un bo preacordo cos propietarios e iso facilitou que houbese prezos que cuadriplican aos anteriores".

Ademais, "limítase o desenvolvemento eólico nos espazos con valores ambientais e abriuse a posibilidade dunha maior participación social pública, tanto dos propietarios dos terreos como da Xunta". Co novo decreto houbo promotores que ofreceron á Administración até o 15% da facturación total, o que demostra que "se na actualidade o negocio pode ser lucrativo malia cuadriplicar o prezo que se lle paga aos propietarios, iso quere dicir que os parques xa instalados poderían deixar beneficios moito maiores no rural".


Ligazóns

4,79/5 (19 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O estudo revela que na meirande parte dos casos os empresarios empregaron a ameaza das expropiación para ocupar os terreos
O estudo revela que na meirande parte dos casos os empresarios empregaron a ameaza das expropiación para ocupar os terreos
No marco do decreto eólico, os prezos preacordados cos propietarios cuadriplican os pagados actualmente
No marco do decreto eólico, os prezos preacordados cos propietarios cuadriplican os pagados actualmente
Aeroxeradores, nesta imaxe tirada do Flickr de paraquenoseolvide
Aeroxeradores, nesta imaxe tirada do Flickr de paraquenoseolvide