No Estado Español os prezos caeron un 5,4% no pasado ano. Mentres, os inmóbeis galegos só viron reducida a súa cotización nun 0,4%.
A vivenda galega non baixa o seu prezo malia a crise
O comportamento do mercado inmobiliario galego segue a distar do español, segundo se desprende dos últimos datos ofrecidos polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Galiza, xunto con Murcia, son as dúas comunidades autónomas que finalizaron o 2008 coas taxas interanuais máis altas do Índice de Prezos da Vivenda (IPV), que mide a evolución dos prezos de compravenda da vivenda libre. Segundo estes datos, Galiza rexistrou un descenso do 0,4% do IPV, unha cifra que dista da do Estado Español, onde a caída foi do 5,4%.
A caída, malia que mínima, é consecuencia do descenso do valor da vivenda de segunda man. No caso do Estado Español (único do que hai datos), o ano pasado baixou un 10,7%. Mentres, a nova seguiu a subir, aínda que lixeiramente, e rexistrou unha alza do 0,8%. Con todo, o ritmo de crecemento é menor: pasou dunha suba do 7,2% no primeiro trimestre ao 5,3% no segundo e a 3,7% no terceiro.
O IPV non inclúe a vivenda protexida nin variábeis como o prezo do metro cadrado ou o número de transaccións realizadas, que si teñen cabida noutras estatísticas como a elaborada polo Ministerio de Vivenda. Este indicador é compatíbel coas exixencias do Eurostat e ten por obxecto servir de elemento de comparación entre os Estados membros no referente á cotización dos inmóbeis.