Un documento asinado polas dúas partes, que prevé a liberdade de elección da lingua na escola, a reforma da EiTB e a renuncia dos populares a presentar mocións de censura.
A xunta directiva do PP vasco aprobou, por unanimidade, un acordo co PSE segundo o que os populares se comprometen a apoiar a investidura do socialista Patxi López como lehendakari. En troques, o PP obterá a presidencia do Parlamento.O acordo, de seis puntos, chamado Bases do cambio democrático ao servizo da sociedade vasca, prevé actuacións concretas en política lingüística, educación e nos medios de comunicación públicos.
En canto ao autogoberno, neste pacto non se contempla ningunha previsión explícita de cambio do Estatuto de Gernika; mesmo se detalla a súa "plena vixencia". Porén, as dúas partes comprométense a chegar, co goberno español, a un acordo para completar o desenvolvemento do Estatuto "nas materias e medios pendentes de transferencia" e a normalizar as relacións co executivo de Zapatero e as demais Comunidades Autónomas.
Os pais poderán escoller a lingua na que educan os seus fillos
En canto á política lingüística, o pacto inclúe a intención de rebaixar a exixencia de coñecemento do éuscaro para os funcionarios, e a libre elección, por parte dos pais e nais, da lingua na que queren educar os seus fillos. Segundo este pacto, tamén se van moderar os requisitos lingüísticos na administración, de tal xeito que estes vaian mudando segundo "o uso efectivo da lingua en cada zona" e o "equilibrio cos méritos profesionais" en cada oferta pública de emprego.
Cambio total na EiTB e reforzo da policía
No referido á reforma da EiTB, os dous partidos comprométense a meterlle man "para garantir unha liña editorial que respecte e defenda o noso marco institucional, que impulse valores éticos e de convivencia, dende o recoñecemento da pluralidade da sociedade vasca, e o respecto á igualdade de todos os cidadáns" e que "asegure a obxectividade, veracidade e imparcialidade das informacións".
O pacto tamén inclúe unha liña de traballo de cara a dotar á policía vasca, a Ertzaintza, de medios para loitar contra ETA, así como a intención de eliminar todas as subvencións a asociacións de familiares dos presos que non condenen a violencia. Tamén hai unha liña exclusiva neste acordo na que o PP se compromete a non presentar mocións de censura, excepto se en algún momento se incumpre o pacto.
O que aínda non se coñece é quen vai presidir do Parlamento. Os populares aínda non concretaron a candidatura, pero ao parecer a nova presidenta estará entre Laura Garrido e Arantza Quiroga.
A noticia nos diarios de Euskadi: