Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NA ASEMBLEA DA AGRUPACIÓN

Os críticos do PSdeG-PSOE coruñés acadan 4 dos 14 delegados

A lista oficial, encabezada por Javier Losada, conseguiu dez representantes, e o sector de Pablo Arangüena os catro restantes.

Redacción - 10:28 28/03/2009

Dez delegados da candidatura oficial, encabezada polo alcalde da Coruña e secretario xeral da Agrupación Socialista coruñesa, Javier Losada, e catro do sector crítico, encabezados polo avogado Pablo Arangüena, representarán aos socialistas coruñeses no congreso extraordinario que o PSdeG celebrará o vindeiro 25 de abril para elixir o seu secretario xeral, despois da dimisión de Emilio Pérez Touriño. Case 300 afiliados, dos algo máis de 600 que ten a Agrupación Socialista Coruñesa asistiron á asemblea extraordinaria.

A diferenza de Vigo, a asemblea, que se prolongou durante dúas horas e media, desenvolveuse sen incidentes, un aspecto que destacaron ao término da mesma os dous  cabezas de lista da candidatura. Así, o secretario xeral da Agrupación Socialista coruñesa asegurou sentirse "orgulloso" polo desenvolvemento da asemblea. "Sabemos traballar con unanimidade e tamén cando hai diferentes alternativas", asegurou Losada, quen afirmou que os delegados dunha e outra candidatura irán "xuntos" ao congreso.

Pola súa banda, Pablo Arangüena amosouse satisfeito polo resultado e recordou que "había nove anos que non se presentaba unha candidatura alternativa". Ademais, subliñou o ton no que transcorreu a asemblea, aínda que matizou que tratarán de ter "unha voz alternativa" no congreso e admitiu que "pode" que as votacións dos delegados dunha e outra candidatura sexan distintas.

Mentres, o secretario de Organización do PSdeG da Coruña, Jacinto Parga, non atribuíu o resultado a un "voto de castigo" á corrente oficial e sostivo que ese non foi o "ton da argumentación" empregado por unha e outra lista no debate que houbo na asemblea. No entanto, admitiu o maior "peso institucional" da candidatura oficial, fronte á presenza dunha militancia de base na encabezada por Arangüena, número 26 da lista nas últimas eleccións municipais.

Así, na candidatura encabezada polo alcalde da Coruña figuran nomes como a deputada no Congreso e concelleira coruñesa, Carmen Marón, o presidente da Diputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda ou o conselleiro de Presidencia en funcións, José Luís Méndez Romeu. Mentres, a Pablo Arangüena, número 26 da candidatura socialista nas últimas eleccións municipais, acompañaranlle Eva González Acón, Gerardo Morano Díaz e Margarita Igrexas. A súa candidatura obtivo en total 95 votos, fronte aos 196 de Javier Losada. Houbo tamén cinco en branco entre os 296 militantes que exerceron o seu dereito ao voto nesta asemblea.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: