Feijoo considera que responsábeis da actual Xunta "fan o que criticaron" do anterior Goberno en funcións de Manuel Fraga.
Á presunta falta de "talante" no Goberno saínte de socialistas e nacionalistas referiuse este martes o líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, queixándose de que nesta altura aínda non se producira contacto ningún cos populares para o inicio do traspaso de poderes. Tamén se queixou Núñez Feijoo de presuntas actuacións da Xunta en funcións que estarían comprometendo proxectos do vindeiro goberno e insinuou que se trataría de procederes que contan co "consentimento" do actual presidente, Emilio Pérez Touriño.
Opinou Feijoo que no Executivo saínte "moitos responsábeis adícanse a facer o que criticaron" do anterior goberno en funcións, liderado daquela por Manuel Fraga e do que o propio Feijoo era vicepresidente. O líder do PPdeG acusou a Xunta de adxudicar "decenas de millóns" en obras públicas nos últimos días. Como exemplo acusou á Consellaría de Política Territorial de iniciar este martes o levantamento de actas previas á ocupación dos terreos afectados pola vía PO-531, que unirá Vilagarcía e Pontevedra. Un proxecto concreto cara ao que o PP xa amosara durante a campaña electoral a súa disconformidade e intención de revisalo.
Sobre o mesmo asunto rifou este martes o secretario xeral do PpdeG, Afonso Rueda, recordando que "hai un ano" que Feijoo se comprometeu a modificar esa iniciativa concreta. Na opinión de Rueda, as últimas accións do Goberno "poden complicar a toma de decisións do novo presidente, posto que reformular un proxecto para o cal xa se empezaron a expropiar terreos pode levar a un conflito xurídico" debido ás expropiacións en proceso e a súa posíbel modificación. Así, pediu decretar a suspensión dese proceso administrativo para que sexa o Goberno "entrante" o que decida "se segue ou non co proxecto".