Os sindicatos cren que o peso do sector en Galiza xustificaba un esforzo maior por parte da administración estatal.
Na imaxe, as mobilización do pasado mes de novembro
O 11% dos fondos estatais para o sector, é dicir, 88,4 millóns de euros, é a contía do estímulo económico aprobado polo goberno español para o sector da automoción en Galiza, onde están o 10% dos traballadores do Estado neste eido. O Consello de Ministros decidiu este venres o reparto de 800 millóns de euros a distribuír entre 156 proxectos concretos. A maioría vai para Cataluña (224,9 millóns), seguíndolle a Comunidade Valenciana (109,3) e Euskadi (93,7 millóns de euros).
En Galiza, a maioría dos fondos van para Citroën, que poderá dispor de 71,5 millóns, a terceira partida máis grande a nivel estatal despois das que viaxan a Cataluña (171,7 millóns) e Comunidade Valenciana (82,9). A planta viguesa presentara dous proxectos de investimento por valor total de 167,2 millóns. O goberno español concédelle ao grupo francés 69,6 millóns en concepto de anticipo e 1,9 millóns de euros como axuda directa. A maiores, as empresas auxiliares, que achegaran até 38 solicitudes, repartiranse apenas 16,8 millóns, logo de que o Ministerio de Industria aprobase só 13 das iniciativas presentadas.
O sector agardaba máis
"Dista moito do solicitado", laiábase ao respecto o voceiro de CCOO no comité de empresa de Citroën, Pedro Comesaña, recordando que das manifestacións do ministro, Miguel Sebastián, e do propio presidente do goberno español, prognosticárase un compromiso maior coa planta viguesa. Ao fío, Comesaña considera que se notou o peso da industria da automoción en Cataluña e dixo esperar que o incumprimento das expectativas non poña en perigo a aposta de futuro do grupo en Vigo. Por outro lado, o voceiro de Comisións tamén analizou que a maior presión sindical en Cataluña e Valencia, onde os sindicatos "estiveron na rúa dende o primeiro día en que empezou a haber problemas no sector", puido influír tamén no reparto.
Do mesmo xeito, admitindo que se esperaban máis axudas, o secretario xeral do Sindicato Independente de Traballadores (SIT), Alberto Priego, afirmou que "calquera achega é boa", aínda que recoñeceu que as cantidades finalmente aprobadas polo Goberno distan moito das solicitadas pola dirección da planta para o seu plan industrial, que ten unha vixencia de catro anos e unha inversión total prevista de 1.062 millóns de euros.
Así e todo, Priego vinculou o privilexio para as empresas de Cataluña e Valencia coa presentación por aquelas terras de Expedientes de Regulación de Emprego, e manifestou a súa sospeita de que a planta de Vigo resultara peor parada porque non puxo en marcha, de momento, este mecanismo de regulación. "Quizais o non presentar un ERE pode dar sensación de que estamos mellor que outras plantas e non nos fan tanta falta as axudas", advertiu. Na súa opinión, a planta viguesa puxo en marcha medidas de flexibilidade "non sempre populares", e "sóubose organizar mellor". Pero, avisa Priego, iso "non significa que non se necesiten todos os apoios posíbeis" para un plan industrial no que "se puxeron moitas expectativas".