O conselleiro de Presidencia admite que o fondo estatal é apenas un parche fronte á debilidade financeira dos municipios.
Méndez Romeu durante un acto institucional da Consellaría de Presidencia
A idea de que a fráxil situación financeira da maioría de concellos "non se soluciona con medidas puntuais como o Fondo Estatal de Investimento Local (FEIL), senón modificando o sistema", foi subliñada este martes polo conselleiro de Presidencia e Administracións Públicas en funcións, Xosé Luís Méndez Romeu. Segundo a súa análise, e á vista dos datos do Observatorio do Goberno Local da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Méndez Romeu falou a prol de reformas que garantan unha capacidade autónoma dos municipios no ámbito da recadación e que do mesmo xeito as transferencias recibidas no eido local sexan dun volume acorde "co nivel de gasto que demandan".
Advertiu Romeu de que á luz queda con claridade a "debilidade" económica das entidades locais, e o "talón de Aquiles" que as fai en exceso dependentes das transferencias do resto de administracións e "non lles permite un volume de ingresos suficiente para afrontar as necesidades dunha cidadanía moderna que demanda cada vez máis servizos". "Dende hai anos está en debate a necesidade de reformar o sistema financeiro local", recordou, "e velaquí están os datos para poder identificar até que punto existe unha necesidade evidente".
Aval de datos en favor da reforma
O estudo foi realizado pola EGAP en colaboración coa Fundación Pi e Sunyer, cunha mostra de 140 concellos, dos cales 55 teñen máis de 10 mil habitantes e os 84 restantes están por baixo desa cifra. O obxectivo era tirar datos concretos a prol do impulso dunha reforma da administración local que se basee "no coñecemento científico".
Mirando os números polo miúdo, aparecen que os concellos destinan en Galiza unha media do 75,29% do seu orzamento a pagaren os gastos correntes da propia administración local, de xeito que lles queda apenas un 24% dos cartos para realizar investimentos e outras operacións. A nivel provincial, os municipios d'A Coruña serían os que teñen gastos correntes máis altos, un 79,19%; seguidos dos lugueses, 76,97% e os pontevedreses, cun 75,59%. No último lugar, os concellos ourensáns, onde os gastos correntes quedan no 69,42%. En canto á incidencia dos gastos de persoal, correntes e de capital por habitante, os máis altos atópanse nos concellos coruñeses, cunha suma de 352,6 euros por persoa; seguido dos lucenses, con 649,8 euros; os ourensáns, con 639,4 euros; e os pontevedreses, con 550,1 euros.