Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NOVENO CONGRESO

Unidade sindical, a receita do novo secretario de Comisións Obreiras

Xosé Manuel Sánchez Aguión, escollido co 62% dos votos, subliña a importancia de traballar en común coas demais organizacións de traballadores.

Redacción - 18:32 14/03/2009
Sánchez Aguión citou a destrución do emprego e a mellora das prestacións sociais como as prioridades para o futuro inmediato

Sánchez Aguión citou a destrución do emprego e a mellora das prestacións sociais como as prioridades para o futuro inmediato

"Únennos máis cousas das que nos separan", dixo o novo secretario de Comisións Obreiras, Xosé Manuel Sánchez Aguión, na clausura do IX Congreso que o sindicato celebrou até este sábado en Vigo. Con estas palabras quixo chamar á unidade e ao traballo conxunto coas demais forzas sindicais galegas, a CIG e UXT. "Debemos sumar os aspectos que temos en común e utilizalos na loita polos intereses dos traballadores", insistiu, ao tempo que citou a destrución do emprego e a mellora das prestacións sociais como as prioridades para o futuro inmediato.

Neste sentido, Aguión asegurou que "non admitiremos ningún retroceso nas conquistas laborais" e asegurou que lle tenderá a man ao novo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, "para que manteña o diálogo nestes tempos difíciles", se ben reiterou que "non retrocederemos na loita".

Escollido por maioría
Sánchez Aguión foi elixido neste IX Congreso como novo secretario xeral de Comisións Obreiras en Galiza cun apoio do 62% dos votos, segundo informou o propio sindicato. Anteriormente, o seu rival, Xosé Eusebio Xusto, retirou a súa candidatura, segundo dixo para "favorecer a unidade".

Aguión é natural de Boimorto (A Coruña), onde se formou como capataz agrícola e foi secretario xeral da Federación Agroalimentaria entre os anos 1980 e 1988. Despois asumiu responsabilidades nos órganos sindicais desta comarca e entrou a formar parte da comisión executiva de CCOO de Galiza en 1996. Neste Congreso recibiu o apoio do secretario xeral saínte, Xan María Castro.


Ligazóns

5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: