Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
INVESTIGACIÓN E CIENCIA

Debátese na USC sobre a creación da Biblioteca Dixital Europea de Matemáticas

Expertos de toda Europa participan nunhas xornadas que pretenden sentar as bases para facer dispoñíbel toda a información sobre a materia na internet.

Redacción - 18:30 13/03/2009

Matemáticos, informáticos e bibliotecarios de 12 países de Europa reúnense este venres e sábado na Universidade de Santiago no congreso 'Cara a unha biblioteca europea virtual en Matemáticas'. A súa aspiración é crear unha estrutura europea de investigación na materia focalizada na dixitalización e accesibilidade de publicacións científicas, teses doutorais e bases de datos bibliográficas.

Participan profesionais de institucións de prestixio como a Biblioteca de Gottingen ou a Academia de Ciencias de Serbia, pasando por universidades, centros de investigación e organizacións de Austria, Bulgaria, Francia, Gran Bretaña, República Checa, Italia, Portugal ou Polonia, ademais do CEMAT, o CSIC, o proxecto Consolider i-Math e o CESGA.

A European Science Foundation encargoulles a estes expertos que preparan un informe exhaustivo sobre a Biblioteca Dixital de Matemáticas, proxecto que lles permitirá aos científicos do continente acceder instantaneamente a través de internet a toda información sobre a materia.

Xa existen iniciativas semellantes que recompilan publicacións matemáticas, como o portal DML-E no que se atopan todas as revistas de investigación do Estado Español; o directorio DOCUMAT-DIALNET de teses de doutoramento ou as bases de datos ZMATH e MATHDI instaladas no CESGA, todas elas auspiciadas pola Comisión de información e comunicación electrónicas do CEMAT que preside Enrique Macías. A futura Biblioteca Dixital de Matemáticas unificaría e simplificaría o acceso a todos estes servizos, de uso común polos investigadores.

A reunión está patrocinada pola European Science Foundation (ESF), a European Mathematical Society (EMS), o Ministerio de Ciencia e Innovación, o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e distintos organismos e sociedades matemáticas.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: