Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
EN VIGO NO 2005

Os acusados por disturbios na manifestación do primeiro de maio pagarán unha multa

Un acordo coa Fiscalía rebaixa as peticións de condena para os dous membros da CIG e tres de Briga que ían ser xulgados este xoves.

Redacción - 14:40 12/03/2009

As cinco persoas que estaban acusadas de producir altercados nunha manifestación convocada pola CIG en 2005 para conmemorar o primeiro de maio chegaron a un acordo coa Fiscalía para ver reducidas as súas penas. Deste xeito, non se celebrou a vista que estaba fixada para este xoves no Xulgado do Penal número tres de Vigo.

Case catro anos despois
Os imputados eran dous membros da CIG e tres compoñentes da organización independentista Briga. Para os dous primeiros o Ministerio Fiscal solicitaba dous anos de prisión por un suposto delito de atentado á autoridade e unha multa económica por unha falta de danos a cada un. Non obstante, a petición rebaixouse a un delito de resistencia á autoridade, polo que pagarán unha multa de 1.800 euros cada un.

Dos membros de Briga, dous estaban acusados dun atentado á autoridade e aceptaron un ano de prisión, que poderá ser conmutado polo pago dunha multa ao carecer de antecedentes, ademais doutra sanción de 180 euros por unha falta de lesións cada un. Mentres, para o terceiro solicitábanse 10 meses de cárcere por resistencia á autoridade que quedarán finalmente en seis (no seu caso si ten antecedentes) e terá que facer fronte ao pago de 1.440 euros por danos nunha entidade bancarios e doutros 2.040 euros de indemnización. Do mesmo xeito, os tres deberán pagar conxuntamente outra indemnización de 600 euros a un efectivo da policía local que resultou ferido aquel día.

Tanto a CIG como o avogado dos independentistas valoraron positivamente o acordo, xa que as penas "quedan reducidas ao menor grao posíbel", se ben aseguran que "o óptimo sería un auto de absolución para todo o mundo". Deste xeito aseguraron que o consenso foi posíbel "vistas as circunstancias e polo ben colectivo".


Ligazóns

5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: