Os premios do teatro galego repartiron moito as súas nominacións, pois tamén 'E ti quen vés sendo?' e 'O club da calceta' suman varias candidaturas.
O Premios María Casares que entrega a Asociación de Actores e Actrices de Galicia preséntanse máis igualados ca nunca. Media ducia de obras suman varias candidaturas, polo que é difícil ditaminar un claro favorito. Iso si, as nominadas ao premio ao mellor espectáculo son Unha primavera para Aldara (Teatro do Atlántico), Obra -No Comment- (Excéntricas) e Aeroplanos (Lagarta Lagarta). Na categoría de mellor dirección, de novo veremos a competencia entre Cadaval (Obra) e Pazó (E ti quen vés sendo?), aos que se une Xulio Lago (Unha primavera para Aldara). Estas mesmas tres obras competirán polo premio ao mellor texto orixinal, de novo con Cándido Pazó e Quico Cadaval como candidatos, canda a Teresa Moure.
En canto ás interpretacións, Ernesto Chao (Aeroplanos), Víctor Mosquera (Obra) e X. M. Olveira "Pico" (Aeroplanos) pelexarán polo premio ao mellor actor. E María Bouzas (Unha primavera para Aldara) loitarán polo galardón á mellor actriz. Finalmente, Artur Trillo, César Cambeiro e Josito Porto están nominados como actores secundarios; e Belén Constenla, Lucía Regueiro e Rebeca Montero como actrices secundarias. Ademais, compre salientar o premio á mellor música, polo que competirán Fran Pérez "Narf" (A boa persoa de Sezuán), Manecas Costa (Humor neghro) e Suso Alonso (Obra).
Se isto se medise ao peso, Unha primavera para Aldara (nove nominacións) Obra -No Comment- (sete) serían as favoritas. Mais tamén suman varias candidaturas outras producións, como Aeroplanos,Dáme veleno, eu tamén soñar e A boa persoa de Sezuán (catro cada unha), e Ti quen ves sendo? (tres) e O Club da Calceta (tres). Na pasada edición dos María Casares dúas obras do CDG, Noite de Reis e A Piragua, levaron a meirande parte dos premios, cinco e tres, respectivamente, mentres que este ano a única produción do Centro Dramático, A boa persoa de Sezuán, suma unicamente tres candidaturas.
Os nominados anunciáronse este martes en Narón nunha festa que anticipou a que se celebrará no Teatro Rosalía de Castro da Coruña o mércores 25 de marzo, cando se entregarán os premios.