Satisfacción nas forzas sindicais pola promesa de "interlocución permanente", mais preocupación pola falta de garantías no ámbito dos servizos públicos.
Mantemento do gasto social, xeración de emprego de calidade ou esforzo no diálogo social foron algunhas das prioridades que este luns lle puxeron enriba da mesa as tres principais forzas sindicais a quen dentro de poucas semanas será o novo presidente da Xunta. Alberto Núñez Feijoo citouse así nesta xornada cos representantes de UXT, CIG e CCOO para unha primeira toma de contacto ao respecto dos retos para a vindeira lexislatura.
O compromiso de que seguirá existindo a Consellaría de Traballo e o do estabelecemento dunha "interlocución permanente" cos axentes sociais e económicos foron algúns dos asuntos destacados da conversa. Logo dunha reunión de dúas horas, os sindicatos expresaron a súa satisfacción por esta primeira toma de contacto con quen en breve pilotará o Goberno, malia coincidir en que no contexto actual de crise económica as promesas de diálogo deben mudar axiña en "compromisos concretos". Tamén avisan desde o ámbito sindical da necesidade de que non se erosione a actual estrutura de servizos públicos do país e nese sentido lle esixirán garantías ao próximo Goberno en futuros encontros.
Manteranse os pactos xa asinados
Desde a UXT-Galicia destacaban á saída da reunión a vontade amosada por Núñez Feijoo de manter e desenvolver algúns dos pactos clave conseguidos durante os últimos catro anos por sindicatos e Executivo. Tal é o caso, segundo subliñou Xosé Antonio Gómez, secretario xeral da UXT, do Acordo pola Competitividade, estratexia na que prometeu avanzar o vindeiro presidente.
"Agardamos que se concrete esa política de xestos", afirmou Gómez, salientando que en próximas reunións, e logo da toma de posesión do novo goberno, poñerán sobre a mesa un abano de prioridades. A importancia de xerar "emprego de calidade" e de que a propia Xunta sexa "exemplo" nas garantías aos traballadores neste sentido, foron outros temas destacados pola UXT. Xosé Antonio Gómez insistiu ademais na necesidade de inxectar liquidez nas pequenas e medianas empresas advertindo dos problemas de financiamento que sofre o tecido empresarial do país.
A CIG pide máis gasto social
A necesidade de esforzo en materia de investimento produtivo e de garantías para o gasto social e apoio aos servizos públicos estratéxicos como a saúde ou a educación foron asuntos subliñados á saída da xuntanza polo secretario xeral da CIG, Xesús Seixo. O líder da CIG adicoulle tamén atención especial ao eido da lingua, instando a Núñez Feijoo a non adoptar medidas "de carácter regresivo" neste ámbito.
Seixo chamou o PPdeG a garantir desde a Xunta recursos públicos destinados a xerar liquidez nas empresas para reactivar a economía galega. De xeito específico, dixo agardar que se manteña o compromiso feito público nalgúns foros de debate antes das eleccións "de crear unha Banca Pública Galega". Por outro lado, o líder da CIG tamén dixo confiar en que non se destrúa o emprego creado no Consorcio de Benestar e Igualdade e no SEAGA, "senón que se consolide", na liña de eliminar a "precariedade" que existe na administración.
Sen descartar a posibilidade dunha folga xeral
As tres formacións sindicais non descartan que no curto ou medio prazo poidan convocar os traballadores a saíren á rúa. Con todo foi este un estremo arredor do cal chamaron á "prudencia". Ao respecto, o secretario xeral de CCOO, Xan María Castro, chamou a non poñer a venda antes da ferida e afondar polo de agora nas posibilidades de interlocución. Castro apuntou que "haberá que ver como e de que xeito", responde na práctica o equipo de Feijoo ás promesas iniciais de diálogo.