A páxina reúne materiais que facilitan a aprendizaxe da lingua de xeito autónomo. Está destinada tanto a estudantes de secundaria coma universitarios.
Esta segunda feira presentouse oficialmente a web Els sons del català (Os sons do catalán), que dispoñibiliza na rede materiais que facilitan a aprendizaxe autónoma da fonética desta lingua.
A web, que foi elaborada por profesores da Universidade de Barcelona (UB), en colaboración co Institut Ramón Llul e a Casa de les Llengües, está destinada tanto a estudantes de secundaria coma a universitarios, e serve tamén para aprender o catalán como lingua estranxeira. Ademais, segundo os seus creadores, pode resultar unha ferramenta moi útil para os lingüistas e logopedas. De momento só están dispoñíbeis os sons do catalán oriental central, pero esta primeira fase hase completar coa exposición doutros sons. Alén disto, publicaranse exercicios xerais, mais tamén específicos de cada dialecto.
Aínda que esta páxina é nova do trinque, na rede xa había, con anterioridade, outras webs para aprender a fonética do catalán, como a Guia de correcció fonètica (Guía de Corrección Fonética) , creada polo lingüista e profesor da Universidade das Illas Baleares (UIB), Gabriel Bibiloni. O xornal electrónico catalán Vilaweb tamén recomenda o Atles interactiu de l'entonació del català (Atlas interactivo de entoación do catalán), creado polo Departamento de Filoloxía Catalá da Universidade Autónoma de Barcelona (UAB).