Dous días despois de perder a Xunta, os socialistas xa discuten internamente o perfil do seu futuro líder.
Poucas horas despois de ver como cae o bipartito, os socialistas non queren quedar lambendo as feridas da derrota. A rápida dimisión de Emilio Pérez Touriño abre un debate nun partido que ten claro que ten que ter un novo líder en pouco máis de sete semanas. A falta de confirmar a data do congreso extraordinario (barállase o 25 de abril), xa comezaron os primeiros movementos internos para substituír a Touriño.
E se hai unha figura que comeza a abrollar neste escenario convulso é o ex conselleiro de Medio Ambiente, “Pachi” Vázquez. O que fora rexedor do Carballiño conta co apoio de boa parte das bases do partido, aínda que tamén é certo que é visto con desconfianza nas dúas principais áreas urbanas do país: A Coruña e Vigo.
Os seus partidarios consideran que Vázquez ten todo o que lle faltaba a Touriño: carisma e conexión co militante de a pé. Ademais de Ourense, o ex conselleiro ten o apoio de comarcas de Pontevedra. Se isto fose pouco, o vicesecretario xeral do PSOE, Xosé Blanco, xa deixou claro que vía con bos ollos un político que ten experiencia tanto en corporacións locais como no Parlamento.
Este mesmo martes, o vicesecretario xeral do PSdeG, Ricardo Varela, daba novas pistas. Logo de afirmar que non ía pelexar polo posto de Touriño, apurouse a dicir que tiña na cabeza o mellor candidato. Todas as características (experiencia institucional e apoio das bases) apuntaban outra vez a “Pachi” Vázquez.
Porén, tamén é certo que hai voces que non teñen tan clara a idoneidade de Vázquez. Os lastres son dous: ter pertencido a un goberno derrotado por goleada na primeira lexislatura e a idade. Aínda que o do Carballiño ten 54 anos, hai quen pensa que a “era Feijoo” vai durar, e moito. “O ideal era un candidato que estivera agora nos cuarenta e tantos anos, con forzas para aguantar unha travesía no deserto que pode ser ben dura”, sinala un dirixente veterano do PSdeG coruñés. Nesta mesma bisbarra hai quen ve o perfil anterior en Mar Barcón, unha militante con táboas, e que ten a “idade axeitada” para esperar unha oportunidade: 45 anos.