Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
INVESTIGACIÓN

Descobren por que se acumula peluxe no embigo

Un científico austríaco analizou durante tres anos que motivos levan á atracción de lixo nesa cavidade corporal.

Redacción - 12:49 03/03/2009

Un químico austríaco, Georg Steinhauser, acaba de presentar os resultados da sua investigación de tres anos sobre por que o embigo se enche de peluxe. O científico descubriu que hai un certo tipo de pelo corporal que atrae os lixos até a cavidade, despois de estudar 503 fragmentos do seu propio embigo.

Segundo as análises químicas que practicou, eses restos non están formados completamente polo algodón da roupa, senón tamén por restos de pel morta, graxa, suor e po. As observacións do doutor Steinhauser amosaron que "pequenos fragmentos de peluxe fórmanse primeiro no pelo e logo acaban no interior do embigo ao final do día".

A investigación, publicada no xornal Medical Hypotheses, explica que a forma afiada do pelo fomenta a "abrasión de minúsculas fibras téxtiles" e diríxeas cara ao burato, ao que contribúe que ese pelo "parece medrar en círculos concéntricos arredor do embigo".

O investigador da Universidade de Tecnoloxía de Viena tamén consultou a amigos, familiares e compañeiros de traballo sobre as súas peluxes. Steinhauser chegou á conclusión de que afeitar a barriga ten como resultado un embigo libre de peluxe, aínda que só até que o pelo volve medrar. Outros consellos para evitar esta molestia son levar roupa vella, que solta menos peluxe ca a recén estreada. Do mesmo xeito, pode axudar levar un piercing no embigo, que varre as fibras antes de que se asenten.

O doutor, que ademais investigou, entre outras cousas, a erosión da súa alianza de voda, tamén analizou por que algunhas persoas tenden a atraer máis peluxe ca outras. Un estudo anterior efectuado en Australia con 5 mil persoas chegou á conclusión de que as máis propensas a acumular peluxe no embigo son "homes de mediana idade con lixeiro sobrepeso e abdome peludo".

Naquel estudo, efectuado por Karl Kruszelnicki, tamén se chegou á conclusión de que esa peluxe é habitualmente de cor azul, polo uso de pantalóns vaqueiros e o feito de que as fibras acaban subindo até o embigo.


5/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: