Os dous homes foron detidos o pasado ano, acusados de pertencer a ETA. O Tribunal Superior de Xustiza de Euskadi ordenou que continuasen as dilixencias no caso.
O Tribunal Superior de Xustiza de Euskadi (TSXPV), encargado da causa aberta polas denuncias de supostas torturas infrinxidas a Martín Sarasola e Igor Portu, atopou novos indicios na súa investigación. En consecuencia, o xuíz que instrúe o caso decidiu continuar coas dilixencias, e imputou 15 gardas civís, acusándoos dun delito de tortura e outro de lesión.
Segundo O TSXPV, o xuíz transformou as dilixencias previas do caso sobre posíbeis maltratos nun procedemento abreviado, para continuar a causa polo penal, contra os axentes. Entre os imputados atópase o director da operación e o axente que custodiaba a Portu e Sarasola nos calabozos.
Portu e Sarasola foron detidos en xaneiro de 2008 en Arrasate (Guipúscoa), acusados de ter colocado unha bomba que estoupou na terminal 4 do aeroporto de Madrid, Barajas. Unhas horas despois da súa detención, Portu ingresou no Hospital Donostia, e o informe médico especificaba que tiña un pneumotórax, unha costela rota e hematomas por todo o corpo.