Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
As incidencias da xornada electoral

Co DI no canto do voto, e a polémica das papeletas raiadas de Ourense

Os medios de comunicación sempre poñen correspondentes a pé de urna para conseguir as anécdotas do día. Entre elas, a posibilidade de que aparezan papeletas co nome de Carrera raiado.

Redacción - 14:00 01/03/2009

A anécdota máis comentada polos medios de comunicación, que sempre mandan os seus correspondentes a pé de urna, para procurar estas pequenas historias electorais, tivo que ver cun despiste: un votante do Instituto de Educación Secundaria Arcebispo Xelmirez II, en Santiago de Compostela, confundiu, por causa dos nervios, o seu billete de identidade coa papeleta, e gardou a segunda no peto, mentres metía dentro da urna o primeiro.

Alén diso, outro dos casos salientábeis é o que aconteceu no Carballiño, onde os membros do BNG e de Esquerda Unida van recorrer a decisión da Xunta Electoral, que lles permite aos presidentes das mesas electorais decidir se as papeletas do PPdeG co nome de Luis Carrera raiado sexan consideradas como nulas ou non.

Para BNG e EU esta decisión "vulnera tanto o estabelecido na lexislación electoral como as instrucións da Xunta Electoral Central na materia". Polo seu lado, dende EU lembraron que "de conformidade coa doutrina seguida polo Tribunal Supremo, ningún voto poderá ser admitido como válido no caso de presentar algún tipo de emenda ou tachón", o que, indicaron, debería ser "entendido coma un criterio absolutamente restritivo". Sobre a polémica destas papeletas, o candidato á presidencia do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo, amosou o seu "desexo" de que vaian sen marcas, aínda que recalcando que os populares han avaliar o "alcance desta dificultade" unha vez conclúa a xornada electoral.

Denuncias a pé de urna
Por outra banda, un candidato do BNG de Vigo denunciou que un home, que ía xusto diante del na fileira para votar, no seu mesmo colexio electoral, votou, á vez, por el mesmo e pola súa dona.

Segundo asegurou a testemuña, este home depositou as dúas papeletas ao mesmo tempo, sen que se percatase diso o presidente da mesa.

Tamén en Vigo, no mesmo Colexio García Barbón, dúas apoderadas do BNG criticaron os vítores de "presidente, presidente" que un grupo de persoas lle dirixiu ao candidato á presidencia do Goberno polo PPdeG, Alberte Núñez Feijoo, no momento no que este estaba a depositar o seu voto na urna.


3,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: