Touriño asegurou que é un día "alegre e positivo" para Galiza, Quintana dixo que o noso país precisa a opinión de todos, e Feijoo pediulle aos galegos que falasen "con claridade" nas urnas.
Ás 11:00 horas deste domingo votaban, nos seus respectivos colexios electorais, os tres principais candidatos á presidencia da Xunta. O líder do PSdeG, Emilio Pérez Touriño, votou na facultade de Dereito, en Compostela; o líder nacionalista, Anxo Quintana, no instituto de Allariz; e o líder popular, Alberte Núñez Feijoo, no Colexio García Barbón de Vigo.
Touriño dirixiuse á prensa, así depositou o seu voto na urna, para cualificar a xornada electoral de "día alegre e positivo" para Galiza. Alén disto, prognosticou unha "grande participación" dos cidadáns e cidadás galegos nestes comicios, a pesar da choiva, e a seguir animou a todos eles e elas a votar "dun xeito libre e responsábel", para decidir sobre a "transformación do futuro de Galiza". "Un país que cre en si mesmo debe estar orgulloso", puntualizou o líder dos socialistas galegos, ao tempo que lles agradecía a todos os interventores e á organización "o esforzo" que poñen no seu labor, para que a xornada se desenvolva con "tranquilidade".
Pola súa banda, o líder nacionalista, Anxo Quintana, animou, a pé de urna, a todos os galegos e galegas a ir a votar, porque "Galiza precisa a opinión de todos e todas". Para Quintana este domingo tamén é "un día importante para Galiza", porque os cidadáns poden "libremente exercer o seu voto e decidir o que consideren mellor para o seu país". Tamén desexou que a xornada electoral discorra, "como sempre aconteceu" no noso país, con "tranquilidade", ao tempo que sinalaba que a temida abstención a el non lle preocupa, porque o galego "é un pobo participativo e responsábel".
Ao ir votar en Vigo, o líder dos populares galegos, Alberte Núñez Feijoo, pediulle aos votantes que falen con "claridade", xa que os vindeiros catro anos van ser "claves para a economía e o benestar de Galiza". En declaracións aos medios, despois de ter votado, Feijoo sinalou que "non estamos en circunstancias normais" e expresou o seu desexo de que o pobo "fale claro" porque Galiza ten "necesidade dun goberno forte que tente axudar a saír da crise". O popular tamén lle agradeceu aos votantes "anticipadamente" a súa participación "na campaña electoral" e polos resultados, "sexan os que sexan".