O dirixente nacionalista atribúeos ao nerviosismo do PP pola posíbel perda dun deputado en Pontevedra a favor do BNG.
Quintana ve nervioso ao PP ante os resultados do 1 de marzo
O líder do BNG mantivo este martes un almorzo con xornalistas nun hotel coruñés e alí atribuíu ao nerviosismo os 150 novos contratos anunciados en plena campaña electoral por Rafael Louzán. Quintana explicou que foi o "nerviosismo" ante a posibilidade de que o bloque lle "reste" un deputado ao PP o que levou ao presidente da Deputación Provincial de Pontevedra a anunciar esta medida.
Durante o encontro cos xornalistas Anxo Quintana reafirmou a súa confianza en que o BNG acade o vindeiro domingo uns bos resultados e dixo estar convencido de que a organización que lidera "subirá nas catro provincias". Quintana non quixo facer unha quiniela electoral, pero si vaticinou que "o PPdeG baixará, o PSdeG quedará cun resultado moi parecido e o BNG terá un ascenso importante".
A lingua durante a campaña
A inclusión do debate lingüístico na campaña foi outro dos temas tratados por Quintana, que tachou de "irresponsabilidade" a mensaxe de Núñez Feijoo. O líder explicou esta afirmación dicindo que Feijoo está facendo unha campaña "dirixida aos que falan castelán e que lle queren mal ao galego". Engadiu ademais, que "a porcentaxe de votantes que falan galego e español do PPdeG non é moi diferente á que ten o BNG".