A número dous pola provincia da Coruña, Ana Pontón, apostou por dotar dunha "cobertura social" á transexualidade.
Ana Pontón tivo este luns un encontro co representantes da Federación Aturuxo, que artella as diferentes asociacións do colectivo lesbianas, gays, bisexuais e transexuais (LGTB). Despois do encontro a número dous do BNG pola provincia da Coruña falou da necesidade de crear na sanidade galega unha unidade interdisciplinar adicada ao seguimento de tratamentos hormonais para aquelas persoas que queiran mudar de sexo. Pontón defendeu que esta medida "non supón un custo elevado" para a sanidade galega e impediría os casos de persoas que se ven obrigadas a realizar "tratamentos hormonais sen seguimento" ou "mutilacións".
Pontón tamén aproveitou a ocasión para amosar a súa satisfacción porque a chegada do BNG á xunta contribuíra ao nacemento dun "proceso de interlocución" entre a Xunta e o colectivo LGTB. Destacou o traballo feito pola organización nacionalista a prol da igualdade e non discriminación, poñendo como exemplo o apoio institucional ao Día do Orgullo Gay.
Aumentar o "amparo institucional" do colectivo LGTB
Entre os obxectivos para a seguinte lexislatura, Pontón destacou a necesidade de "establecer cláusulas en materia de negociación colectiva" para rachar cos problemas laborais derivados da opción sexual de cada persoa. Ademais, propuxo "avanzar na visualización" do colectivo LGTB como un medio para a súa "normalización".
Pola súa parte a presidenta de Aturuxo, Lucía Vázquez, salientou algúns aspectos da xestión levada a cabo polo BNG permitiran "mellorar e ir para adiante na igualdade real da sociedade galega". Vázquez tamén falou do importante que resulta "dar publicidade" a aquelas medidas "que escoitan as demandas sociais".