Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
MANIFESTO DA ASOCIACIÓN DE ESCRITORES

Teresa Moure escríbelle a Rosalía: "Seguirías estando nas barricadas..."

A AELG homenaxea un ano máis á autora no 24 de febreiro, aniversario do seu nacemento.

Redacción - 10:20 23/02/2009

"Se a morte non fose un camiño sen volta, se puideses ver cos teus propios ollos o noso país..." comeza dicíndolle Teresa Moure a Rosalía, nunha carta sen selos, coa que a AELG conmemora o 172 aniversario do nacemento da poeta no antigo Camiño Novo de Compostela, hoxe rúa Rosalía de Castro, precisamente, E Teresa Moure xoga a imaxinar o que Rosalía pensaría da Galiza actual e do mundo todo: "Coido que non te abraiarían as novidades tecnolóxicas que envolven as nosas vidas; como nunca fuches babeca nin reaccionaria, asumirías os novos inventos no que valen mais tampouco non te deixarías cegar polas falsas aparencias de modernidade que producen as máquina".

Moure reivindica a modernidade e a actualidade de Rosalía e da súa obra que -di- nos conmove "pola reivindicación das clases traballadoras e da situación especial das mulleres. Non importa se os labregos e mariñeiros non representan xa a maioría dos galegos porque a preocupación social dos teus versos podería aplicarse por igual ás masas proletarias, separadas da sociedade do benestar por marxinación social ou desemprego".

Na carta tamén hai unha reflexión sobre a lectura que se fixo da obra de Rosalía, tanto no seu tempo, como agora, onde malia as maioritarias interpretación positivas que se acabaron por impoñer, Moure critica a "manipulación" que de Rosalía se fixo como "como soñadora melancólica, como intimista romántica" e reivindica o compromiso social da súa obra, moi adiantada ao seu tempo : "sen dúbida -di Teresa Moure- fuches tan adiantada ao teu tempo que militaches en causas que aínda non se recoñecían como tales, nin tiñan quen as defendese". E pon como exemplo as críticas que Rosalía contra a (hoxe) chamada violencia de xénero: Que hai uns negros amores de índole pezoñenta/ que privan os espritos, que turban as concencias,/ que morden si acariñan, que cando miran queiman,/ que dan dores de rabia, que manchan e que afrentan./ Máis val morrer de friaxen/ que quentarse á súa fogueira.

"Seguro que se vivises hoxe entre nós", di Teresa Moure, "os seminaristas volvían apedrear as túas xanelas, aínda que se cadra só te insultaban por blogue: as formas poden variar mais, con toda probabilidade, seguirías estando nas barricadas". E Teresa Moure pecha a carta e despídese de Rosalía dicindo "Contigo aprendemos a ser elos dunha cadea, a non renegarmos, a recoñecermos que só sendo galegas e galegos podemos ser universais. Que o peso da terra sexa leve, compañeira!".


Ligazóns

4,85/5 (26 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: