Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
NO ENCONTRO ANUAL DOS EMPRESARIOS GALEGOS DE BARCELONA

O Premio Percebe de Ouro para o Festival do Mundo Celta de Ortigueira

A Enxebre Xuntanza do Percebe organiza un dos acontecementos sociais máis concorridos entre o empresariado galego de Catalunya.

Celtia Traviesas - 22:30 19/02/2009

No acto deste ano entregaranse 16 insignias honoríficas a diversas personalidades galegas e catalás -todas elas homes- entre as cales están os alcaldes de Viveiro, Neda, Cariño, A Capela, Soutomaior, Mañón, Carballiño e Cedeira. A “Placa de Planta” recaerá este ano na Escola Superior de Hostelería de Galicia, o Gran Trofeo "Percebe de Plata" no Porto de Celeiro e o Gran Trofeo "Percebe de Ouro" será para o Festival Mundo Celta de Ortigueira “por prestixiar o nome de Galicia tanto en España como no estranxeiro”.

Hai xa 27 anos que se vén celebrando na Cidade Condal a “Gran Noite de Galicia en Barcelona”, unha cea-mariscada de luxo que pasa desapercibida para moitos dos máis novos emigrantes galegos, pero á cal acoden dende o presidente da Generalitat ata o alcalde de Barcelona, pasando por un bo feixe de empresarios galegos e cataláns, políticos de diversos concellos, xornalistas de renome etc. É, en resumo, un dos actos sociais máis multitudinarios do mundiño galego en Barcelona. Este ano xa se venderon 1.500 entradas para a cea de gala, que estará amenizada, como en calquera boa romaría que se prece, pola Orquestra "Maravella".

A Enxebre Xuntanza do Percebe parte dun sector concreto -o Grupo Moncho’s, por exemplo, non forma parte- dos restauradores galegos de Barcelona coa idea de potenciar a gastronomía, cultura, historia e turismo galego en Catalunya. O ano pasado, déronlle o Percebe de Ouro ao vicepresidente de la Deputación de A Coruña Pablo Villamar e pódese decir que o mosaico que configuran os homenaxeados ao longo dos anos é do máis variado. Están, por exemplo, Moncho Borrajo (1996), Obradoiro de Gaitas Seivane (2006), Rouco Varela (2002), Mariano Rajoy (2001), Adolfo Domínguez (1999), Álvaro Pino (1986), Manuel Fraga (1989) e Juan Pardo (1998).

Gran Noite de Galicia en Barcelona
Venres, 20 de febreiro, no Palau de Congressos de Catalunya.


4,63/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: