Cangas acolleu o primeiro torneo desta competición, que estivo dominado por un club das Pontes en categoría absoluta e un cangués na sub-21.
Esta fin de semana celebrouse en Cangas o primeiro torneo da Liga Galega de Kaiak-Polo, que se disputou nas categorías absoluta, masculina e feminina; e sub-21, tamén masculina e feminina. Nesta competición enfróntanse dous equipos de catro xogadores cada un, que se moven pola auga na súa pequena embarcación procurando meter o balón na canastra do equipo rival. É un deporte semellante ao baloncesto, practicado na auga e desprazándose coas canoas.
Na categoría absoluta a primeira posición foi para o Club de Piragüismo Grupo Xuvenil, das Pontes, despois de vencer na final ao Club Copacabana. Detrás quedaron outros como o Club Náutico de Rodeira, de Cangas; ou o Kaiak Tudense. Na disciplina sub-21 a vitoria foi para os locais do Club Náutico de Rodeira, que se impuxeron na final ao equipo sub-21 do Kaiak Tudense. Aquí houbo equipos que non puideron participar por ausencia dalgúns dos seus padexeiros, como foi o caso do Club de Piragüismo Grupo Xuvenil ou o Club Náutico Folixa.
Tamén se realizou o slálom de Fridão, en Portugal
A pasada fin de semana tamén houbo varias padexeiras e varios padexeiros galegos competindo no slálom de Fridão, no norte de Portugal. Galiza tivo unha boa representación entre as 160 persoas que competiron nesta proba, acadando os seus mellores resultados na proba de C1, onde dous padexeiros galegos levaron as medallas de prata e bronce. A prata foi para Marcos Domínguez, do Club Tea de Mondariz-Balneario; e o bronce para Mario González, do Club de Piragüismo Baiona.