Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
ANTONIO MARIÑO, responsábel DE CABOZO.COM

"Hai que potenciar a banda larga móbil"

Esta rede social en galego naceu do desexo do seu autor de entrar en contacto cos seus amigos dende a emigración en Alemaña.

Modesto del Río - 18:50 07/03/2009

Antonio Mariño é un viveirense que emigrou a Alemaña na busca de mellores condicións laborais. Froito da súa morriña e para manter o contacto coas súas amizades, creou Cabozo.com, unha rede social en galego concibida como un punto de encontro para compartir ideas, novas, imaxes, arquivos ou eventos.

Como naceu Cabozo?

Moitos dos meus amigos de toda a vida en Viveiro, por uns motivos ou outros, tiveron que irse vivir a outras cidades, ben dentro de Galiza ou fóra. Ao voltar a Alemaña despois das vacacións de Nadal 07/08, vin que era unha pena non manter unha boa comunicación entre nós durante todo o ano. Xa sei que existen os e-mails ou os programas de mensaxería instantánea, pero eu quería algo máis. Unha web na que puidésemos enviar mensaxes contando as cousas que nos ían pasando no día a día, compartir novas interesantes que vemos pola internet e compartir as fotografías e vídeos que imos facendo, tanto persoais coma cando estamos todos reunidos de novo en Viveiro.

E a cousa funcionou pero que moi ben. Agora, cando nos reunimos polas vacacións en Viveiro, xa non temos esa sensación de estar tan desconectados uns dos outros unha vez que voltamos a reunirnos.

En que se diferencia doutras redes sociais, tan de moda hoxe en día?

Ainda que pareza estraño, nunca usei outra rede social que non fora Cabozo. Non quero que Cabozo estea moi influenciado polas ideas que poida coller doutras redes sociais. Intento que sexa o mais diferente posible ás demais.

Por outra banda, creo que un dos aspectos mais interesantes de Cabozo é que os usuarios, ademais de ser os que lle dan vida coas súas mensaxes, imaxes, etc., tamén son un pouco os seus desenvolvedores. Calquera usuario pode propoñer melloras e novas funcións, e dependendo de se son viables ou non, sempre se acaban implementando. Creo que isto é tamén un pouco emocionante para o usuario, pois calquera día que entres a Cabozo pódeste encontrar con esa nova función que ti suxeriches.

E iso tamén era o que pretendía, crear unha web 100% dos usuarios e que fora mellorando e crecendo grazas aos seus aportes.

Está a ter éxito esta iniciativa?

Ao comezo unicamente era usado por min e os meus amigos de Viveiro. Pouco a pouco outra xente por medio de nós tamén o foron coñecendo e apuntándose. Nestes últimos días, ao aparecer novas sobre Cabozo en varias webs, rexistrouse unha cantidade importante de novos usuarios. Estamos bastante contentos coa acollida que está tendo entre os internautas galegos e non galegos, tendo en conta ademais que nun principio Cabozo non foi pensado para o gran público.

Como é a túa vida como emigrante en Alemaña?

Levo xa tres anos e polo momento moi contento. No ámbito profesional por fin síntome realizado e motivado, pois atopei un traballo moi acorde á miña formación e cunhas condicións laborais 'normais'. Anteriormente estiven traballando en Madrid, e bueno, xa sabemos todos que traballos e contratos normalmente nos ofrecen á xente nova. Por ese motivo decidín probar sorte por estas terras. O máis difícil ao comezo foi o tema do idioma, o alemán tórceseme aínda bastante. Nun principio intenteilles ensinar o galego pero non lles daba entrado, polo que tiven que acabar indo a clases de alemán.

Hai moita diferenza entre a convivencia entre a sociedade e as novas tecnoloxías en Galiza e en Alemaña?

Nos últimos tres-catro anos creo que en Galiza houbo un aumento importante tanto no uso dun ordenador coma no acceso e uso da banda larga, polo que esa diferenza que puidese existir con Alemaña púidose acortar.

O que si vexo é que a xente de mediana idade (40-60 anos) está moito máis familiarizada coas novas tecnoloxías aquí que na Galiza. Creo que iso é unha materia pendente que temos que resolver, pois esta xente é a que normalmente ten as pequenas e medianas empresas, e se non teñen un coñecemento moi claro do que son as novas tecnoloxías e do que poden aportarlles aos seus negocios nunca avanzaremos o suficiente.

Tendo en conta que Galiza nunca soeu desfrutar dunha infraestrutura de comunicacións en condicións, mediante o uso das novas tecnoloxías, as empresas poden salvar este obstáculo e darse a coñecer e facer negocio xa non con España, senón tamén co resto de Europa ou do mundo.

Tamén respecto ao comercio electrónico, aquí é moito máis habitual facer compravenda de cousas na rede que na Galiza. Creo que en Galiza, aínda unha boa parte da poboación ou non sabe moi ben como vai, ou non saben de que vai iso do comercio electrónico ou aínda lle teñen medo a dar os seus datos bancarios a unha web.

Polo que voltamos ao mesmo, falla de formación e de información.

Que cres que se debería facer para que Galiza estivese a un nivel europeo no acceso á rede, por exemplo?

O que se está a fomentar agora e moito, xa non só en Alemaña, senón noutros países europeos é o acceso a banda larga móbil. En Galiza témoslle que dar a mesma importancia a esta modalidade de acceso á rede, pois unha gran parte da poboación vive no medio rural, no que moitas veces o acceso á banda larga fixa "non é posible".

Ademais dun acceso de calidade, estes accesos de banda larga teñen que ter uns prezos asequibles para toda a poboación, pois contamos cos prezos do acceso por banda larga máis altos de Europa.

Polo que, resumindo, témoslle que garantir a toda a poboación, tanto no medio urbano como rural, un acceso de calidade e con precios razoables á rede por medio da banda larga, e despois facilitarlle información e formación adecuada para empregar esa tecnoloxía xa non só para buscar información, senón que a xente que teña negocio propio dea o salto e lle saque o maior rendemento posible para o seu negocio a este gran invento que foi e é a internet.


4,55/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: