Mentres que Esquerda Unida aposta por un modelo federal e Terra Galega por esgotar o Estuto actual, os de Rosa Díez avogan por restarlle capacidade de autogoberno ao noso país.
As tres grandes forzas do país (PP, PSdeG e BNG) monopolizan a campaña. Porén, hai outros tres partidos que loitan por ser a “cuarta vía” e lograr un soño que semella imposíbel: Ter un sitio na rúa do Hórreo. O pesadelo chámase 5%, o valo que hai que superar nunha circunscrión para obter un deputado
Esquerda Unida busca un voto de esquerdas e lanza continuas chiscadelas ao electorado nacionalista. Así, a formación de Iolanda Díaz subliña que EU vai pelexar polo recoñecemento nacional de Galiza (incardinado dentro dun Estado Español de carácter federal). Pola súa parte, a formación Terra Galega, que se define como “nacionalista”, considera que non é prioritaria a reforma estatutaria a curto prazo pero si defende que se desenvolvan “ao máximo” as competencias do Estatuto de Autonomía nesta lexislatura.
O partido de Rosa Díez posiciónase claramente contra o autogoberno galego. UpyD non quere que o Estado Español conceda máis transferencias. Mais a postura dos de Díez vai máis aló e incluso apostan por quitarlle competencias a Galiza en materia de sanidade e educación.
Lugo e Ourense semellan fortíns imposíbeis para ningunha das tres forzas. Terra Galega centrará todos os seus esforzos na circunscrición da Coruña (especialmente en Ferrolterra e Bergantiños) buscando os 30 mil votos que lle daría o arelado escano ao seu líder (Xoán Gato). Esquerda Unida aposta tamén pola Coruña, circunscrición que encabeza Iolanda Díaz. Pola súa parte, UPyD concentra esforzos en Pontevedra. Os partidarios de Rosa Díez teñen as súas expectativas en cidades como Vigo.