O multiusos do Sar acollerá este venres un emocionante encontro entre dous equipos que chegan no seu mellor momento da tempada.
Imaxe do partido da primeira volta
Este venres o multiusos do Sar é o escenario dun emocionante encontro entre os dous mellores equipos de baloncesto masculino que hai hoxe en Galiza. O Rosalía recibe dende as nove da noite ao Breogán, nun partido correspondente á 20ª xornada da Leb Ouro.
Os composteláns chegan ao encontro no seu mellor momento da tempada, despois de tres grandes partidos nos que sumaron dúas vitorias. Aínda así o gran favorito segue sendo o Breogán que chega ao partido na fura de diante, tras gañar os últimos cinco partidos de liga.
Actualmente o Breogán ocupa a segunda posición, con 14 vitorias en 19 partidos, mentres que o Rosalía segue último mais agora empatado co penúltimo a tres vitorias. Os locais tratarán de facer valer o seu bo momento e servirse do apoio do seu público para vencer ao equipo que está en mellor forma da categoría.