Esquerda Unida abriu en Compostela unha campaña "pobre" na que, segundo dixeron, han loitar "contra xigantes". Lembraron as eivas de catro anos de goberno bipartito, entre elas non "ter cambiado a Lei Electoral".
A candidata por Ourense de EU-IU, Carmen Iglesias, abriu o acto en Compostela, na praza de Cervantes no corazón da zona vella, saudando aos compañeiros, ás compañeiras e aos camaradas. Lembrou algunhas desfeitas ecolóxicas que mallaron na terra estes catro anos de lexislatura, sen que a Xunta mediase, como as minas a ceo aberto no Courel, ou a contaminación da Ría de Ferrol, e cualificou o ideario da súa formación de "anticapitalista, republicano e laico". Iglesias foi a primeira en pedir o voto audaz e transformador" contra "o problema do capitalismo e o modelo neoliberal".
Había intervir, a seguir, o candidato pola provincia de Pontevedra, Juan Fajardo, mais, segundo explicaron os seus compañeiros, atopábase en Vigo "concentrado cun grupo de traballadores para protestar pola política empresarial dos EREs" que afecta, segundo sinalaron, a máis de 100 empresas da provincia. Posteriormente falou o número un por Lugo, Carlos Portomeñe, quen lembrou os "discursos e promesas do AVE" que nunca chegan á súa "provincia esquecida", mentres se desmembra o tren de proximidade -que tamén queda lonxe de Lugo-, e que fai un Goberno "que é o consello de administración da burguesía e que vende a Galiza ao mellor postor". Neste sentido, Portomeñe fixo fincapé na campaña "pobre" que abre o seu partido, na que deberá baterse "contra xigantes", entre os que citou a varias empresas do país e de fóra, que explotan os nosos recursos.
"Pido o voto de esquerdas, para que a voz da rúa chegue ao Parlamento"
A candidata de EU-IU á presidencia da Xunta, Iolanda Díaz, pechou o acto de apertura da campaña pedindo o voto masivo "de esquerdas" para conseguir "levar a vos da rúa ao Parlamento" tras as eleccións do 1 de marzo.
Despois de lle agradecer a súa presenza ao cantautor Luis Pastor, e ante un cento de persoas presentes na praza compostelá, Díaz animou á xente a non quedar na casa e a acudir a votar para que "se decida unha auténtica alternativa de esquerdas" nas urnas.
Na liña dos seus compañeiros, Iolanda Díaz lembrou que se enfronta a esta campaña "sen medios económicos" nin un gran traballo de márketing, pero si "coa razón", e apelou ao lema Revela a realidade, rebélate, vota, para darlle unha oportunidade aos que "non tiveron voz durante tres anos e medio".
Críticas ao bipartito por non mudar a lei electoral
Díaz gastou bastante tempo criticando a xestión do bipartito, BNG e PSdeG, por "non cambiar a lei electoral" o que, segundo dixo, "supón que non exista unha auténtica democracia en Galiza", onde, na súa opinión, "non valen o mesmo os votos de todos".
Neste sentido, denunciou que esta lexislatura que termina estivo marcada polas "privacións e o beneficio dos grandes empresarios", e asegurou que o seu traballo "de aquí en diante" ha incidir "en mudar o panorama económico e social" e na "defensa da lingua e a ecoloxía".