O xuíz do Penal analizará -tal como lle solicitou a defensa, dadas as elevadas penas que se solicitan- se remite o caso á Audiencia Provincial.
O xuízo contra o secretario comarcal da CIG en Ferrol, Xesús Anxo López Pintos, que se ía desenvolver esta quinta feira, foi suspendido até que o xuíz do Penal analice se remite o caso á Audiencia Provincial. O avogado defensor solicitou que se trasladase a causa á Audiencia Provincial, debido ás elevadas penas que se solicitan.
López Pintos enfróntase a cinco anos e tres meses de cárcere por lesións e atentado contra a autoridade durante o conflito de 2001 na Confraría de Mugardos. Ademais, a defensa reclamoulle ao xuíz que se pronuncie sobre o recurso presentado para comparecer como acusación contra os policías implicados. Tanto o o representante da CIG como varias mariscadoras sufriron lesións.
O avogado defensor pediu tamén que se poida ampliar o número de testemuñas, xa que os axentes presentaron 40 e López Pintos dez. Na sesión desta quinta feira, non compareceu o avogado da Xunta, que solicita unha pena maior có propio fiscal.
Máis dun cento de persoas manifestáronse ante o xulgado de Ferrol á hora do xuízo para arroupar o López Pintos. Na concentración participaron membros de todos os principais sindicatos da comarca e os integrantes da Confraría de Mugardos, informa Europa Press.