Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
SOFTWARE LIBRE

Cuba presenta Nova, o seu Linux

A Universidade das Ciencias Informáticas presentou esta semana a distribución cubana de GNU/Linux, baseada en Gentoo.

Redacción - 11:55 12/02/2009

O goberno cubano sacou esta semana a súa propia distribución de Linux, denominada Nova. Despois de varios anos de desenvolvemento, o pobo cubano poderá contar co seu propio sistema operativo para deixar de depender da tecnoloxía estadounidense, concretamente do Windows de Microsoft, aínda maioritario nos computadores do país.

Nova presentouse oficialmente nunha conferencia de soberanía tecnolóxica na Habana. O goberno de Cuba decidiu desenvolver Nova como unha alternativa a tecnoloxías ás que teñen acceso as axencias de seguridade estadounidenses. Deste xeito, o ministro de Comunicacións cubano, Ramiro Valdés, expresou o compromiso do executivo por migrar ao software libre. Na actualidade, xa unha quinta parte dos computadores de Cuba levan Linux, e as previsións son acadar o 50 por cento nun prazo de cinco anos.

Nova está baseada en Gentoo e impulsada pola Universidade das Ciencias Informáticas (UCI). Consta dun Live CD (que se pode executar sen necesidade de instalar nada no disco duro), e o resto das aplicacións están dispoñíbeis dende os diferentes repositorios de Gentoo. A web oficial de Nova está aínda en desenvolvemento, pero nun futuro poderase descargar, contribuír e formar parte da comunidade de Nova.


4,56/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: