As xogadoras do equipo vilagarciá conseguiron a súa segunda vitoria consecutiva, que lles permite deixar as posicións de descenso despois de moito tempo.
Imaxe do partido / Foto: www.feb.es
O Extrugasa subiu este mércores un chanzo importante no seu proceso de recuperación anímica e deportiva, despois de vencer por 64 a 55 ás xogadoras do Gran Canaria. O partido correspondía á 14ª xornada e fora cancelado o pasado 10 de xaneiro por mor do mal tempo que impediu ás canarias viaxar até Galiza. O Extrugasa sobe agora dúas posicións e colócase 12º, saíndo dos postos de descenso por primeira vez dende a xornada nove.
As xogadoras canarias comezaron o encontro con máis tensión competitiva e dominaron os dous primeiros cuartos, pero o descanso axudou ás locais a reaccionar. No terceiro cuarto xa lle deran a volta ao marcador e no último foron administrando a súa vantaxe até acadar unha cómoda vitoria. Malia que o colectivo volveu ser o grande protagonista, a nivel individual destacaron a brasileira Iziane Castro, con 24 puntos, e a finlandesa Taru Tukaanen, con 15.