A Plataforma Galicia, mellor sen Touradas, ven de felicitar á Camara Municipal de Viana do Castelo polo proxecto de construcción dun museo científico no canto da praza de touros.
Igual que ocorre en Pontevedra, a praza de touros de Viana do Castelo albergaba un espectáculo taurino ao ano, sen subvención pública algunha. Un motivo máis polo que os empresarios taurinos decidiron prescindir do festexo e iniciar conversas coa Cámara Municipal, que desembolsou pouco máis de 5.000 euros na adquisición do edificio.
Milleiros de cidadáns xa felicitaron á Camara Municipal, que baixo a representación do seu alcalde, afirmou que fora a medida máis popular que tomara a súa corporación; á Cámara, chegan ducias de cartas e correos electrónicos de felicitación cada día, de lugares tan dispares como Australia.
Para cando Pontevedra?
Dende a plataforma Galicia, mellor sen Touradas animamos ao concello de Pontevedra, á única cidade con praza de touros en Galiza, a que realice un movemento semellante e aposte pola cultura.
Nun momento no que o 86% da sociedade galega se amosa en contra dos espectáculos taurinos, os concellos deberían facer caso as cidadás e cidadáns galegos e desenvolver políticas que primen a ciencia e a cultura fronte á tortura e o maltrato animal.
Cada ano, os/as pontevedreses teñen que subvencionar a Feira Taurina, através da Deputación de Pontevedra. Segundo un estudo da plataforma Stop Our Shame, cada familia pontevedresa aporta ó redor de 42€ para festexos taurinos, en forma de impostos.