A americana Jennifer Figge empregou 24 días en cruzar o océano Atlántico dentro dunha gaiola que a protexía dos tiburóns.
Jennifer Nadando dentro da súa gaiola protectora / Foto: Facebook
Jennifer Figge tiña dende hai tempo a teima de cruzar o Atlántico nadando e foi, malia non facelo á idade máis axeitada nin cubrir o percorrido que tiña previsto, finalmente conseguiuno. Figge saíu de das illas de Cabo Verde, situadas na costa oeste africana, o pasado 12 de xaneiro e, malia que a súa intención era chegar até as illas Barbados, os ventos e as correntes levárona até Trinidad, no mar Caribe. Esta estadounidense de 56 anos nadou durante 24 días dentro dunha gaiola que a protexía de posíbeis ataques de animais mariños. A gaiola ía remolcada pola embarcación de apoio que acompañou a Jennifer durante todo o camiño, e na que folgou as horas que non estaba no mar.
Durante a súa travesía Jennifer Figge estivo en contacto directo cunha natureza indómita á que só temos acceso nos documentais, e tivo a posibilidade de nadar ao carón de baleas, golfiños ou tartarugas xigantes; mais tamén se tivo que enfrontar a ondas de máis de seis metros. Figge convertese así na primeira muller que cruza o atlántico nadando, fazaña que xa fixera o francés Benoit Lecomte no ano 1998 ao nadar dende Estados Unidos até Francia en 73 días.
Agora Figge pretende seguir o seu camiño polo mar Caribe para chegar até as Bahamas, que era o destino orixinal da súa viaxe.