A demanda dos vehículos producidos en Vigo está a medrar en países como Francia ou Alemaña ao abeiro das medidas impulsadas polos goberno europeos.
Cando levamos xa varios meses de implantación de medidas de flexibilización na planta de Citroën de Vigo, as noticias que chegan son recibidas con moito escepticismo. Con todo, agradécese algunha información positiva, sobre todo logo de que no pasado mes de decembro se decidise non renovar a 800 temporais pola supresión da quenda de noite para a montaxe dos C4. As boas noticias veñen agora da man do mercado europeo: a mellora da demanda en países como Francia ou Alemaña van ter un efecto positivo na fábrica viguesa, xa que esta planta fabrica fundamentalmente para a exportación (o 80% dos coches que saen de Vigo diríxense cara Europa).
Mercados cambiantes
Logo de que as vendas europeas caeran un 15% na segunda metade de 2008, comezan a rexistrarse datos positivos. Por exemplo, a Asociación Alemá da Industria Automotriz (VDA) mellorou as súas previsións ao abeiro do plan de incentivos estatal que permite aos consumidores cambiar o seu coche por un novo, o que está a provocar un aumento de demanda nos concesionarios. Segundo informan, dende que entrou en vigor o plan estatal disparouse o número de consumidores interesados nos novos modelos. A medida do executivo alemán contempla a subvención de 2.500 euros para os compradores que adquiran un vehículo novo ou cunha antigüidade inferior a 12 meses e entreguen outro de nove anos de antigüidade.
A consecuencia aquí é que a planta que PSA Peugeot-Citroën ten en Vigo terá que facer menos recortes na súa produción do que se prevía nun principio. A isto únese outra particularidade, xa adiantada polo plan estratéxico elaborado para o sector: a planta viguesa será agora a única encargada da fabricación do Xsara Picasso, un modelo con moita demanda en Europa. A partir do vindeiro mes de abril, Vigo deixará de compartir este vehículo coa fábrica francesa de Rennes. "É unha medida que repercutirá no noso traballo", asegura Henrique Pérez, representante da CIG no Comité de Empresa, "e que obedece a toda lóxica, xa que os gastos de loxística que terá que asumir a compañía serán menores". Todos estes datos permiten aos traballadores da Citroën de Vigo ser hoxe "un pouco máis optimistas", se ben aínda hai que agardar o comportamento futuro do mercado.
Sen compromisos
Doutra banda, o panorama económico tamén se disipa un pouco para o grupo automobilístico logo de que esta semana o goberno francés anunciase a achega de tres mil millóns de euros baixo a condición de que non peche fábricas nin se despidan máis traballadores. Con todo, o presidente da empresa, Christian Streiff, xa se adiantou a subliñar que o seu compromiso é non prescindir de cadro de persoal nas súas fábricas francesas, o que non afectará ás situadas no Estado Español, como a de Vigo. Finalmente, de cara a tranquilizar ao persoal destas outras, asegurou que tampouco é intención da compañía relocalizar a produción doutros países en Francia.