Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
BALONCESTO, LEB OURO

O Breogán estrea pivote esta fin de semana

Despois dunha pausa para a disputa da copa príncipe esta fin de semana volve a Leb Ouro, na que o Breogán contará coa incorporación dun vello coñecido: Daniel Clark.

Redacción - 12:15 05/02/2009
Daniel Clark coa súa nova camiseta

Daniel Clark coa súa nova camiseta

Esta fin de semana volve a Leb Ouro, segunda división do baloncesto estatal, dúas semanas despois da última xornada en que Breogán e Rosalía apañaron cadansúa vitoria. Os lugueses xogan o sábado ás sete e cuarto da tarde no Pazo dos Deportes contra o La Palma, equipo clasificado actualmente no 11º lugar da liga. Para este partido o equipo de Paco García contará coa súa última incorporación, o pivote inglés Daniel Clark, que fecha un cadro de xogadores destinado a loitar até o final do ano polo ascenso á ACB.

Daniel Clark é un pivote que mide dous metros con 10 centímetros e ten só 20 anos de idade. O espigado xogador inglés cumprirá a súa segunda etapa en Lugo, despois de chegar o ano pasado en semellantes condicións e ofrecer un bo rendemento nos 25 partidos que xogou co Breogán. Malia a súa estatura Clark non é un pivote puro e síntese cómodo fóra da zona, onde pode magoar as defensas rivais cun bo tiro de media distancia. Clark pertence ao MMT Estudiantes de Madrid, e milita na súa academia de xogadores dende fai máis de cinco anos. Na primeira metade desta tempada participou en seis partidos do primeiro equipo, xogando nunha media de só seis minutos por encontro. Foi a escasa participación o motivo polo que Clark decidiu buscar en Lugo un maio protagonismo que lle permita seguir evolucionando na súa formación como xogador.

Lucho González estará catro semanas de baixa
No día seguinte á presentación de Daniel Clark chegou unha noticia que se está convertendo este ano en parte da rutina do Breogán: unha nova lesión. Neste caso foi o aleiro Lucho Fernández, que sufriu unha rotura na primeira falanxe do dedo polgar da súa man dereita. A lesión manterá ao ferrolán de baixa durante un período que vai roldar as catro semanas.

O Rosalía quere seguir a súa boa xeira
Tras encadear dúas vitorias seguidas, os xogadores de César Iglesias teñen como principal reto gañar o primeiro partido do ano fóra de Compostela. O Rosalía segue ocupando a última posición da Leb Ouro, mais agora empatado co antepenúltimo e a só dúas vitorias da salvación. O partido desta xornada leva o equipo compostelán até Lleida para xogar contra o Plus Pujol, o venres ás nove da noite.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: