Achegamos para o debate, un resumo con algunhas claves do que deu de si o treito 2005-2009. A pé da información poden deixar as súas reflexións sobre a lexislatura que agora remata.
Polo pelo dun carneiro. Con suspense incluído nas sacas de última hora chegadas da emigración, confirmábase a viraxe no equilibrio parlamentario de forzas. A vontade de cambio expresada polos electores era respondida con axilidade por PSdeG e BNG, que pechaban en pouco tempo o pacto de goberno que poñía o punto de inflexión a 16 anos de era Fraga en Galiza.
A gravidade da caída do PP, catro asentos menos, até 37, víase minguada por ese escano único que os separaba da maioría absoluta, ralentizando as coiteladas no seo do partido en favor da renovación. O BNG chegara á cita coas urnas logo dunha axitada traxectoria interna con relevo incluído no cartel, onde o longo liderado de Xosé Manuel Beiras daba paso a Anxo Quintana. O novo treito da formación política iniciábase coa perda de catro escanos, quedando en 13 asentos no Parlamento. O PSOE era así o máis beneficiado pola inercia do cambio rabuñando espazo a varias bandas e chegando aos 25. Nos meses posteriores á perda do poder, o PP asinaba á fin o congreso da despedida de Manuel Fraga, quen aínda decoraba escano antes de marchar a Madrid ao Senado. Collía o temón Alberto Núñez Feijoo, quen remodelaba axiña o grupo parlamentario para adaptalo aos novos ritmos e discurso.
A chegada ao poder de socialistas e nacionalistas iría acompañada dun extenso abano de novidades lexislativas e intensa actividade parlamentaria. A recuperación do protagonismo do Parlamento fora xustamente, un dos compromisos dos socios. De todas formas, a lexislatura avanza con PSdeG e BNG caendo moi rapidamente en pelexas e tensións no interior do Goberno. Roces e tensións competenciais repetidos até o final desta etapa. As rifas e o distanciamento entre os socios, axiña converteron en argumento favorito da oposición a denuncia da existencia de "dous gobernos".
O eixo principal do primeiro treito de lexislatura foi proceso cara a un novo Estatuto, camiño que fracasou malia que o groso do novo texto estaba case pechado ao completo entre os tres grupos principais. Presións da dirección en Madrid do PP puxeron en evidencia a capacidade de manobra do PPdeG, incapaz de cerrar con beizón un documento chamado a marcar un punto de inflexión decisivo para o país.
O novo Goberno foi lixeiro en poñer sobre a mesa algunha das iniciativas estrela, caso da lei de transparencia que chegaba axiña á Cámara, nun inicio de lexislatura no que se aprobarían medio cento de leis. O pacto local, o pacto polo emprego, as directrices de ordenación do territorio, o plan de estradas, a lei de medidas urxentes para a protección do litoral, as normas do hábitat, a lei de vivenda, a lei de comercio, o banco de terras ou a lei de servizos sociais son algúns dos proxectos máis destacados nos discursos dos líderes políticos de PSdeG e BNG.
Pero tamén algunhas das promesas prioritarias do pacto de goberno quedaron ao final no caixón: a reforma electoral no ámbito do voto emigrante, o cambio no regulamento da propia Cámara ou a reforma dos medios públicos, aparecen entre as prioridades máis evidentes, toda vez que no caso da CRTVG mesmo existía o compromiso de reformala nos seis primeiros meses de goberno. Pero outros asuntos importantes tampouco viron a luz, como é o caso dos instrumentos legais para a prometida coordinación das deputacións provinciais, a lei de montes e a lei de universidades, a creación formal das áreas metropolitanas, a lei de residuos ou a ampliación dos espazos protexidos.
Cara ao final da lexislatura, aos discursos abrolla outra vez a posibilidade de recuperar o camiño perdido na procura dun novo Estatuto. Os tres grupos con representación parlamentaria inclúen a promesa de poñerse ao choio á volta do 1M. De como sexa o reparto de apoios ese día dependerá a velocidade e o modelo do debate.