CIG-Ensino denuncia que a norma estabelecida por Educación para outorgar as concesións "reforza" a privatización do ensino.
O sindicato CIG-Ensino denunciou este venres que a Consellaría de Educación "reforza" a privatización do ensino con 1.020 millóns de euros para os concertos educativos nos próximos catro anos, o que supón o 55% do seu orzamento para 2009.
Segundo criticou a central nacionalista, as normas que regulamentarán a concesión de concertos nos próximos catro cursos académicos, publicadas no DOG, presentan "termos semellantes ás que aplicou o PP durante os catro anos anteriores".
"Con esta orde, vese defraudada calquera expectativa de cambio para reducir os concertos educativos, nin sequera naqueles niveis educativos e localidades onde os centros públicos son capaces de absorber a totalidade do alumnado", sostivo CIG-Ensino, que considerou que se trata dunha política educativa "favorecedora do ensino privado".