A Confederación de Asociacións Veciñais censura a "falta total de control da Administración" sobre a actividade das empresas eléctricas.
A Confederación de Asociacións Veciñais (Cogave) urxiu a Unión Fenosa a que dea unha "resposta" ante a "gravidade" da situación de miles de cidadáns que permanecen sen electricidade dende o temporal da fin de semana.
Cogave manifestou o seu "profundo malestar" ante a "tardanza" da compañía en restabelecer a subministración, que achacan a "unha falta de previsión e de capacidade de actuación tremendas". O nivel de calidade do servizo e da actuación, consideran, contrasta cos "beneficios multimillonarios" que cada ano declaran as eléctricas.
É "mesmo paradoxal" que os incrementos dos recibos sexan "a miúdo xustificados polas eléctricas co argumento de reinvestir no acondicionamento e na actualización da rede", cando sucesos como os destes días "poñen de relevo o obsoleto do sistema, a falta de mantemento e a súa fraxilidade".
Implicación da Administración
Ademais, o colectivo veciñal censurou a "falta total de control da Administración" sobre a actividade das empresas eléctricas, e pediulle que se "implique de cheo" para lograr restabelecer a normalidade e facer valer os dereitos dos cidadáns nas súas reclamacións.
Cogave considera que a caída dos tendidos eléctricos "non é achacábel exclusivamente á forza dos ventos", posto que as torres de media tensión están deseñadas para soportar "ventos extremos". Cómpre, xa que logo, "analizar outros posíbeis factores" como o "sobredimensionamento das liñas ou o escaso mantemento dos postes de madeira e formigón".