Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DENUNCIA DA CIG

Unha sentenza recoñece a relación laboral a un inmigrante irregular

O demandante consegue así legalizar a súa situación ademais de cobrar a diferencia entre o seu salario e o que lle correspondería de ter contrato.

Redacción - 09:30 28/01/2009

O Xulgado do Social número dous de Vigo recoñeceu a existencia dunha relación laboral entre un traballador inmigrante en situación irregular que estaba sen contrato e a empresa na que desenvolveu a súa actividade durante preto de dous anos. O condenado é o Asador Arealonga, situado en Chapela (Redondela), onde o demandante, Caio Machado, traballou como encargado e cociñeiro, malia carecer de contrato nin estar dado de alta na Seguridade Social.

Agora, os propietarios do Asador terán que pagar 8.128 euros ao seu ex empregado en concepto das diferenzas salariais entre as cantidades que percibía e as que lles correspondería polo convenio colectivo. Polo traballo, Caio Machado, de nacionalidade brasileira, percibía 600 euros, cando segundo a lexislación debería cobrar case o dobre, 1.187 euros.

"Os inmigrantes teñen dereitos, aínda que sexan irregulares"
O denunciante compareceu en rolda de prensa xunto co secretario da CIG da comarca de Vigo, Xerardo Abraldes, e o representante de CIG Migración, Anxo Iglesias, quen fixeron fincapé na importancia desta sentenza, xa que o traballador conseguiu así legalizar a súa situación, ao recoñecérselle o permiso de residencia por arraigo laboral. No conxunto do ano pasado só se concederon oito en toda a provincia de Pontevedra.

Machado animou a todas as persoas que se atopen nunha situación parecida á súa a "que denuncien", xa que "os inmigrantes temos dereitos, aínda que sexamos irregulares". Na mesma liña se manifestaron os responsábeis sindicais, quen fixeron un chamamento ao Ministerio Fiscal para que se adiquen a este temas. Ademais, pediron á Administración que sume "outras medidas", non só as económicas, para sancionar aos empresarios e recordou que a lexislación tamén inclúe a posibilidade de pechar negocios.


Ligazóns

5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: