Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
CABODANO DE TORRENTE BALLESTER

Dez anos sen gozos e sen sombras

Ferrol lembra dende esta semana o seu escritor máis universal, no 10º aniversario do seu pasamento.

Redacción - 17:45 27/01/2009

O 27 de xaneiro de 1999 morreu en Ferrol Gonzalo Torrente Ballester e foi soterrado dous días despois no cemiterio de Serantes, a uns poucos metros do lugar no que nacera. Para conmemorar o seu décimo cabodano, o concello preparou un calendario de actos e homenaxes que comezarán o vindeiro xoves 29 cunha ofrenda floral no devandito camposanto e que continuarán até o 26 de marzo.

Nestes dous meses escritores e expertos na obra de Torrente visitarán a cidade para participar no ciclo de Diálogos Literarios, coordinado por Xosé A. Ponte Far. Para abrir o ciclo, este mesmo xoves visitará a cidade o escritor e membro da Real Academia Española, Carlos Castillo del Pino, que ofrecerá unha conferencia na Fundación Caixa Galicia. Nas semanas seguintes pasarán polos Diálogos Literarios, organizados polo concello ferrolán e a Universidade da Coruña, Javier Cercas e Carmen Becerra (5 de febreiro), Julio Llamazares e Manuel Candelas (12 de febreiro) e xa en marzo Miguel d´Ors, Xulio López Valcárcel, Rafael Chirbes e Ángel Basanta.

As moitas vidas de Torrente Ballester
Torrente é un escritor sobre o que se ten debatido moito. Primeiro sobre a súa ambigüidade política; afiliouse en 1934 ao Partido Galeguista, mais na Guerra Civil Española ingresou na Falange Española e entrou en contacto cos máis importantes escritores fascistas do momento, como Dionisio Ridruejo e Luis Rosales, cos que formou o grupo 'Escorial'. Con todo, en 1962 participou nas protestas en apoio dos mineiros asturianos que foran á folga en 1962, e como consecuencia foi expulsado de todos os seus empregos. Abandonou a súa praza de profesor na Universidade de Santiago e marchou dar clases aos Estados Unidos.

As súas obras, en especial a triloxía de Los gozos y las sombras (El señor llega -1957-, Donde da la vuelta el aire -1960- e La Pascua triste -1962-), mais tamén Don Juan (1963), La saga/fuga de JB (1972) e La isla de los jacintos cortados (1980) convertírono nun dos autores máis coñecidos (e recoñecidos, con premios como o Cervantes, o Nacional de Literatura e o Planeta) das letras castelás. E ese é seguramente o segundo debate que se pode abrir sobre Torrente e a súa obra: a medida en que (ao igual que Valle Inclán e outros escritores galegos en español) pode ser considerado un autor das nosas letras ou non.


4,8/5 (20 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Entrevista de Joaquín Soler Serrano en TVE (1976)

Torrente, na súa biblioteca
Torrente, na súa biblioteca