Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Galiza 2009

Barcón confía nas enquisas e Rego di que Feijoo "escapa a Madrid cando hai problemas"

"O PSOE sobe, o PP perde apoio, e Emilio Pérez Touriño é un líder cada vez máis forte", resumiu a secretaria de Organización do PSdeG sobre as sondaxes até o de agora coñecidas.

Redacción / Europa Press - 09:00 27/01/2009

"O que se decide é o futuro de Galiza, e non o futuro dos políticos", afirmou Mar Barcón este luns na Coruña, ao fío do anuncio do líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, de retirarse se non gaña as eleccións. Barcón fixo ao tempo un chamamento á cidadanía para que acuda ás urnas o 1 de marzo, subliñando que "Galiza non pode retroceder, non pode dar un paso atrás e volver aos gobernos de Fraga". "O mellor garante é Emilio Pérez Touriño", insistiu a secretaria de Organización do PSdeG durante a presentación da candidatura coruñesa dos socialistas.


Barcón expresou a "honra" que, nas súas palabras, lle produce formar parte dunha candidatura "que xunta experiencia, renovación e solvencia" e que, prometeu, desenvolverá unha campaña "de diálogo cos cidadáns" e "para escoitar as súas propostas". Nesa liña, dixo estar segura de que as enquisas coñecidas os últimos días son unha imaxe que reflicte que o candidato á presidencia dos socialistas, Emilio Pérez Touriño, "é un líder cada vez máis forte". "É a persoa que a maioría dos galegos queren como presidente e na que confían para saír adiante neste momento de dificultades", interpretou a líder socialista.

O acto contou coa presenza da candidatura coruñesa ao completo. Encabezada por Mar Barcón. O segundo posto ocúpao o conselleiro de Presidencia, Xosé Luis Méndez Romeu; seguido por Beatriz Sestayo, membro da executiva comarcal de Ferrol; Xaquín Fernández Leiceaga, secretario de área de Política Municipal da CENG; e Silvia Belén Fraga, secretaria xeral da Agrupación Socialista de Cerceda. O sexto posto corresponde a Xosé Manuel Lage, voceiro de Pesca; seguido de Francisco Cerviño, voceiro de Cultura; Marisol Soneira, voceira de Emigración; o deputado autonómico Luis Toxo; e a responsábel das xuventudes socialistas de Bergantiños, María Torres. Tamén forman parte dela Pedro Armas, secretario de Organización de FETE-UGT na Coruña; Catalina Gracia, voceiro do grupo municipal socialista de Narón; Patricia Conde, concelleira de Economía e Facenda e de Mocidade no concello de Ames; e Antonio Sánchez, concelleiro en Curtis.


Rego di que Feijoo "foxe dos problemas"
Por outra parte, o voceiro do PSdeG no Parlamento durante a última lexislatura, Ismael Rego, afirmaba este luns en declaracións a Radio Lugo que o líder do PP "segue a estela de Fraga, xa que cada vez que hai un problema en Galiza, escapa a Madrid".

Rego cualificou de "lamentábel a actitude de Núñez Feijoo" durante o recente temporal, opinando que "mentres os galegos están pasando dificultades como consecuencia do temporal, en vez de estar ao carón deles cos seus problemas, preferiu o calorcito dos lideres do PP en Madrid". Ao fío, aproveitou o socialista lugués para ironizar sobre a visita preguntándose se o presidente do PPdeG "aproveitaría a ocasión para poñer en valor diante dos dirixentes do PP en Madrid, a súa estratexia para vetar a reforma do Estatuto de Galiza, ou o seu intento desesperado de crear conflito entorno a lingua".


4/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: