O operador galego posiciónase fronte á posíbel restrición do P2P por parte do goberno español.
A empresa galega de telecomunicacións R anunciou no seu blog, na resposta a unha consulta, que non é partidaria de controlar nin limitar o acceso á rede dos seus clientes. A declaración prodúcese nun contexto en que se está a especular que o goberno español lles pida aos operadores que limiten e controlen as descargas de arquivos protexidos por dereitos de autor.
Segundo indica un voceiro da compañía no comentario, R só limitará ese dereito se está obrigada a facelo por orde do executivo, e afirma que os operadores non se deben converter en vixilantes dos seus clientes, polo que presentará as alegacións "que considere oportunas".
Por outra banda, afirma que o tráfico IP debe ter a mesma protección ca a telefonía, polo que o seu control será sempre mediante supervisión xudicial e non de xeito automatizado. Engade, ademais, que calquera medida deste tipo que se lles queira impoñer aos operadores fará que xurdan outras compañías "pouco escrupulosas coas normas" e mesmo en países equivalentes a paraísos fiscais.