Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Fin de semana electoral

"O BNG gaña a batalla das ideas", defende Quintana

O voceiro nacional do Bloque considera que os cidadáns apoiarán a súa formación o 1M "igual que os adversarios xa nos dan a razón".

Redacción - 09:00 26/01/2009

"Para min é unha satisfacción que agora as forzas políticas estatais, nomeadamente o PSOE, digan en Galiza que sería bo facer un Instituto de Crédito", expuxo Anxo Quintana este domingo durante a súa intervención nun acto do BNG en Noia, subliñando a importancia que na súa opinión ten o feito de asegurar que o crédito chegue ás empresas "e ás familias que o necesitan". "Chamáronnos de todo por propoñelo”, reprochoulles aos adversarios, felicitándoos por mudaren de idea. "É un gran paso porque gañar a batalla das ideas é o que nos coloca no camiño de poder gañar as eleccións". O voceiro nacional do BNG insistiu ademais na idea da necesidade dunha reforma da lexislación que obrigue as caixas de aforro "a camiñaren da man do Goberno" no sentido de apostaren pola economía produtiva.

"Nós non estamos en política para cruzarnos de brazos", afirmou Quintana diante de varios centos de persoas, reivindicando o "papel transformador" das políticas do BNG. "No BNG concebimos a política como o labor dos que traballaron para converter en posíbel o necesario", indicou, expoñendo que "por moi difícil que sexa un obxectivo, merece a pena traballar por el se é necesario". "Outros pensan o contrario e saben que teñen asegurado o aplauso, pero o mundo así non avanza", advertiu. "Hai un ano reclamamos aquí o voso apoio para ter unha presenza decisiva en Madrid e agora pódese comprobar que cada vez que é decisivo, o BNG usa os seus votos para que gañe Galiza", defendeu.

No mesmo acto participou tamén a número dous do Bloque na lista da Coruña, Ana Pontón, quen salientou que o nacionalismo leva anos "batallando en favor dun país con moita capacidade produtiva, para xerar emprego". "En Noia temos un exemplo claro, na ría de Muros-Noia na que traballan milleiros de persoas e ese é un sector estratéxico para o futuro de Galiza", dixo Pontón, "acreditamos na capacidade que temos e sabemos que con máis competencias poderemos xerar emprego e riqueza en Galiza". Ao fío, explicou Pontón que moitos dos problemas do sector mexilloeiro e das mariscadoras teñen que ver coa falta de capacidade política que persiste. "Queremos decidir na nosa costa, porque non é normal que decidan en Bruxelas o tamaño da ameixa ou a potencia que deben ter os nosos buques”, sinalou.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: